top of page

Rafael Cuiña creará unha oficina municipal para xestionar os fondos europeos

Recalca que esta proposta está motivada pola "nefasta situación económica na que o PP deixa ao Concello"


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, buscará potenciar a captación de fondos europeos para financiar actuacións durante o vindeiro mandato. Farao mediante a creación dunha oficina específica para a acadar e xestionar todas as liñas de axudas e subvencións que poidan chegar a través de Europa.

Cuiña explica que esa oficina municipal terá un sistema mixto de funcionamento con persoal funcionario do propio Concello e a colaboración de persoal especializado de prestixiosas consultorías expertas na materia, dada a complexidade burocrática e administrativa da súa tramitación.

Desta maneira preténdese activar a captación duns cartos públicos que van ser “fundamentais” nos vindeiros anos para poder desenvolver importantes iniciativas en diferentes eidos de actuación. “O PP deixa o Concello nunha situación económica extremadamente delicada”, lembra Cuiña, “con 11,5 millóns de euros de débeda e máis de 5 millóns de euros en gastos comprometidos”. Polo tanto, esta cuestión será unha “prioridade absoluta”.

"Neste preocupante escenario, cómpre reforzar a busca de financiamento por parte de outras administracións para poder levar a cabo os importantes proxectos que Lalín precisa para encarar o futuro con garantías”. “Van a ser a nosa táboa de salvación, sobre todo os cartos que cheguen de Europa”, sentencia.


Rafael Cuiña lembra que “precisamente os máis de cinco millóns de euros conseguidos por nós no anterior mandato permitiron a execución dun importante número de actuacións”. “Lamentablemente parte deses fondos están en risco de perderse pola ineficacia do Partido Popular”, di.

Preme na imaxe se queres obter máis información deste evento.

De feito, o goberno de Crespo non conseguiu obter os fondos europeos que solicitou para financiar a reforma do pavillón municipal ou a antiga piscina porque os proxectos presentados fallaban en cuestións básicas. “Presumen de ser moi bos xestores pero a realidade demostra exactamente o contrario”, afirma.


Fronte a isto, Cuiña recorda que, grazas á xestión do anterior goberno, puido facerse a humanización das rúas Principal e Loriga, a rehabilitación do núcleo histórico de Lalín de Arriba ou a remodelación da avenida Xosé Cuiña, que aínda está a piques de concluírse, máis de seis anos despois de que conseguiramos os fondos DUSI que permiten a súa execución.


Porén, “o goberno de Crespo non so rebaixou a calidade e os investimentos nestes proxectos, senón que foi incapaz de levar a cabo outras importantes iniciativas que deixamos deseñadas e das que, agora mesmo, so coñecemos anuncios tras anuncios que nunca se concretan”. Refírese Cuiña, por exemplo, á rehabilitación do núcleo de Donramiro, que está lonxe de iniciarse, e que para a que ademais se rebaixaron ao mínimo as actuacións e o investimento previsto para a posta en valor dese lugar.

Dos 740.000 euros previstos e que se ían financiar con fondos DUSI, pásase a pouco máis de 250.000 euros. “O prazo para xustificar o total dos cartos remata a finais deste ano, polo que moito nos tememos que Crespo perderá medio millón de euros que lle deixou o anterior goberno”, conclúe.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page