Tamén definirá as liñas estratéxicas de actuación para este sector da poboación
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, remarca que o apoio á mocidade de Lalín será un dos eixos claves da súa actuación de goberno, de resultar elixido alcalde tras as eleccións do 28 de maio. “O noso programa”, explica, “inclúe medidas moi potentes para resolver dúas das principais preocupacións deste sector da poboación, como son a vivenda e o emprego, para que os nosos mozos e mozas non se vexan obrigados a buscar un futuro fóra do noso municipio”.
Á marxe disto, o proxecto de Compromiso por Lalín tamén inclúe medidas específicas para este colectivo. Unha delas será a creación dun Consello Local da Mocidade, formado por representantes municipais, así como mozos e mozas de asociacións, clubes, entidades e colectivos, que servirá para definir as liñas estratéxicas de actuación de cara ao vindeiro mandato. A maiores, este organismo tamén terá capacidade para decidir o destino do 30% dos investimentos destinados nos orzamentos a eidos como a cultura e o lecer.
Cuiña incide en que, entre outras cuestións, terán un papel determinante á hora de elaborar un programa anual de actividades co obxectivo de poñer en valor o noso talento local e apoiar aos creadores que están empezando e que precisan todo o apoio da administración local. Neste sentido, terá especial importancia a promoción e difusión dos novos modelos de expresión artística e musical, como o graffitti ou a música urbana, mediante obradoiros, charla e diferentes actuacións.
“A xuventude de Lalín é unha fonte inesgotable de talento que non podemos desperdiciar”, di Cuiña: “para iso debemos sentar as bases para facer de Lalín unha vila de oportunidades e futuro”. Pon de exemplo dese “enorme talento” aos mozos e mozas que forman parte da candidatura de CxL, como Iria Fernández González, Joaquín Villanueva Barros “Xocas”, Uxía Ferradás Fernández, Javier García González, Iván Fernández Portela ou Laura López Verde, entre outros.
“Eles e elas pularon especialmente nos últimos meses pola activación de medidas como o premio anual para proxectos elaborados por xente nova para calquera dos eidos competenciais do Concello, e que estará dotado con 50.000 euros para a súa execución. Tamén se destinarán 100.000 euros anuais á becas para facilitar o estudo de idiomas no estranxeiro durante o verán. Ademais, recollendo as súas demandas, vaise negociar coa Xunta e coas empresas concesionarias de transporte por estrada o incremento das conexións de autobús con cidades como Santiago ou Ourense para dar resposta ás demandas de estudantes e profesionais".
Finalmente, sinala "tamén se fomentará o voluntariado mediante programas de apoio e formación e activarase un plan de acompañamento de persoas maiores con voluntariado mozo".
MITINS DE CXL PARA HOXE, MARTES
A VEIGA-LOCAL SOCIAL-20:00 HORAS.
CARRAGOSO-BAR SUSO-20:45 HORAS.
GOIÁS-LOCAL SOCIAL-22:00 HORAS.
Comments