top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Rafael Cuiña comprométese a activar a construción das novas depuradoras de Prado e Vilatuxe


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anunciou este venres que activará de maneira inmediata e con carácter urxente o proxecto para a construción e posta en funcionamento de dúas novas depuradoras nas parroquias de Prado e Vilatuxe en caso de volver ao goberno tras as vindeiras eleccións municipais.


“É unha necesidade perentoria para a veciñanza destas zonas que levamos reclamando de xeito reiterado durante todo o mandato, ante a sorprendente inacción e silencio do goberno de Crespo e o Partido Popular”, afirma.

Esta “inacción” resulta aínda “máis sangrante” "tendo en conta que o PP comprometeuse no seu programa electoral de 2019 a aproveitar o concurso da xestión do ciclo da auga para levar a cabo os investimentos necesarios para renovar e ampliar as infraestruturas hidráulicas, especialmente as estacións de depuración e tratamento de augas"


Partindo desta base, Cuiña saca a seguinte conclusión: “Ou ben estamos ante outro flagrante incumprimento do programa de Crespo ou ben considera cidadáns de segunda ás veciñas e veciños de Prado e de Vilatuxe”. “Vistos os antecedentes e a falta de iniciativas nestas dúas parroquias, inclínome a pensar que ambas son certas”, manifesta ao tempo que expresa o seu desexo de que non esteamos ante un castigo ás parroquias familiares do propio Cuiña e do concelleiro Miguel Medela.


A maiores, o candidato de Compromiso por Lalín considera que o incumprimento con respecto ás depuradoras de Prado e Vilatuxe "tamén evidencia as cada vez máis notorias deficiencias de xestión do goberno de Crespo". Lembra, neste sentido, que a construción destas infraestruturas contaba con fondos FEDER para a súa execución, pero finalmente o PP optou por non facelas, “nunha clara actitude temeraria co medio ambiente e discriminatoria coa veciñanza de Prado e Vilatuxe”.


Cuiña lamenta que non só renunciase a facer estes proxectos con fondos europeos, senón que tampouco se buscase financiamento propio ou doutras administracións para levalas a cabo. “O PP nin utilizou os Plans da Deputación para facelas, nin os remanentes que tivo á súa disposición durante estes anos, nin unha débeda municipal que xa está nos 10,5 millóns e medio de euros”, critica.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Cuiña defende a construción de novas depuradoras en Prado e Vilatuxe “debería ser unha cuestión prioritaria para calquera goberno que teña un mínimo de sensibilidade ambiental”. Recorda os escuros episodios de vertidos nunca aclarados que durante meses deixaron en toda Galicia “unha imaxe lamentable do pouco respecto polo medio ambiente que ten o goberno de Lalín, máis obsesionado con tanques de tormentas que con dar resposta eficaz a este tipo de inaceptables episodios”.


Cuiña concorda "na necesidade do "tanque de tormentas" para Lalín, mais insiste en que “non pode ser a costa de abandonar as depuradoras do rural". Lembra ademais que no "ano 2018 Crespo foise facer xunto con dúas concelleiras fotos á EDAR, esixindo novas depuradoras para Prado e Vilatuxe, e que, unha vez de volta no goberno, o que antes era unha necesidade, pasou a ser unha cuestión secundaria".

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page