top of page

Rafael Cuiña anuncia que duplicará as axudas anuais ás escolas deportivas de Lalín

Tamén impulsará a organización dun gran torneo anual de balonmán na localidade que conte sempre cun equipo internacional e os máis destacados de Galicia


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia que duplicará as axudas económicas ás escolas deportivas do municipio. Ese é un dos eixos fundamentais do seu programa electoral de cara "a fomentar e apoiar ao noso deporte base, dando valor ao seu papel decisivo na formación integral dos nosos nenos e mozos".

Cuiña explica que duplicar as axudas económicas permitirá que estas entidades conten con máis recursos para desenvolver as súas actividades, poñer en marcha novas iniciativas e garantir un acceso igualitario ao deporte para a mocidade do municipio. De maneira específica, o obxectivo será potenciar campus de verán en Lalín de rugby, atletismo, fútbol e balonmán, entre outros.

Rafael Cuiña, no centro, cos membros da candidatura de CxL Joaquín Villanueva Barros “Xocas” (esquerda-xogador do CD Lalín) e Iván Fernández Portela "Ivi" (dereita-xogador do Proquideza Loriga)

O candidato de CxL resalta, nesta liña, o imprescindible papel social que están a xogar as diferentes entidades deportivas de Lalín. Porén, este esforzo, a día de hoxe, “non se ve compensado nin nunha mínima parte polas axudas que reciben do Concello”, di

Cuiña entende que o deporte base é un dos máis importantes piares para a formación de futuros deportistas e tamén para a promoción dunha sociedade saudable e integradora. “Apostar polo deporte base é investir no noso futuro, creando oportunidades e potenciando o talento deportivo local”, afirma.


Excelentes resultados

Nesta liña, resalta os excelentes resultados que están deixando estes días equipos como o CD Lalín, o Proquideza Loriga, o Balonmán Lalín ou o Club de Atletismo. “A todos eles quero felicitalos polos éxitos desta campaña”, salienta.

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Cuiña explica que outro dos seus grandes obxectivos para o vindeiro mandato será o de impulsar dende o Concello a organización dun gran torneo de balonmán que se celebre cada ano en Lalín. A intención é que en cada edición desa competición participe sempre un equipo de renome internacional xunto cos mellores equipos de Galicia. “Sen dúbida”, apunta Cuiña, “será un aliciente fundamental para reforzar a importancia do balonmán no noso municipio e converter a Lalín na capital galega deste deporte”.

Cuiña lembra que estas medidas no eido deportivo complementaranse con outras que tamén inclúe o programa para as municipais do 28 de maio e que xa se foron anunciando. Entre elas está a construción dunha pista de atletismo homologada a carón do Lalín Arena ou un novo campo de fútbol 7 no Cortizo xunto co acondicionamento dos locais para os clubes deportivos.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Entre as propostas de CxL tamén están a construción de cinco pistas de pádel homologadas a carón do Lalín Arena para competición e formación; a cubrición dunha das pistas de tenis a carón do pavillón municipal; a remodelación integral do pavillón municipal, incluíndo a posta en marcha dun rocódromo; a construción dun novo skatepark na praza de Europa adaptado ás necesidades dos usuarios; ou a ampliación da piscina municipal exterior.


Tamén se habilitarán instalacións na área de Pozo do Boi para o GTR, acometerase a ampliación e mellora desa área recreativa con novas instalacións infantís, un circuíto deportivo e mellora das pistas de area para deportes de verán; arranxarase e adaptarase a pista que hai o lado do centro comercial de Carrefour para unha maior funcionalidade para xuventude e deportistas de Lalín; e arranxaranse as pistas de tenis próximas ao lago do Pontiñas xunto coa construción de vestiarios e baños.

MITINS DE CXL PARA HOXE, MARTES

  • CAMPOSANCOS-LOCAL SOCIAL-20:15 HORAS.

  • GALEGOS-LOCAL SOCIAL-21:00 HORAS.

  • CERCIO-LOCAL SOCIAL-22:00 HORAS.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page