top of page

Rafael Cuíña pídelle a Crepo que explique por que non se fixo o complexo deportivo prometido

O candidato de Compromiso por Lalín pídelle ao alcalde que convide para iso ao novo presidente da Federación Galega de Atletismo


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, reclamoulle este xoves ao alcalde do municipio, José Crespo, que aproveite a precampaña electoral para convidar ao novo presidente da Federación Galega de Atletismo para explicar publicamente por que non se fixo o novo complexo deportivo con pista de atletismo homologada a carón do Lalín Arena. En abril de 2019, Crespo tivo “a falta de rubor político” de utilizar politicamente ao daquela dirixente da Federación, Isidoro Hornillos, para presentar unha iniciativa que a día de hoxe sigue “no limbo dos incumprimentos do Partido Popular”.


“Foi un dos máis escandalosos exemplos de utilización partidista dunha entidade que non debería significarse politicamente”, afirma Cuiña, algo que resulta “moito máis grave cando esa utilización electoralista foi para tomarlle o pelo á veciñanza”, asegurando que se contaba co aval da Federación. Nese acto incluso se permitiron o luxo de criticar o proxecto deportivo para a zona deseñado por Compromiso por Lalín.

Acto de presentación do complexo deportivo por parte do PP en abril de 2019.

Cuiña considera que agora “o xusto para a Federación Galega de Atletismo e tamén para o conxunto da veciñanza de Lalín” sería que Crespo convocase outro acto para detallar os motivos deste engano, “un máis dos moitos que aparecían recollidos no seu programa electoral”.

Cuiña salienta que non se debe esquecer que ese suposto novo complexo deportivo con pista de atletismo homologada que anunciou o PP con gran profusión de infografías era o primeiro dos tras grandes proxectos que o PP comprometeu “para seguir transformando Lalín”, nas súas propias palabras.

Preme na imaxe para acceder á web desta empresa.

Os outros dous eixes fundamentais do seu programa, a “gran praza” e a reforma do Cortizo coa reconstrución da grada, tamén están sen facerse. “Todo quedou en papel mollado”, polo que “o engano masivo ao que someteu Crespo á veciñanza de Lalín na pasada campaña electoral queda cada día máis en evidencia e está claro que lles vai pasar factura nas vindeiras municipais”, recalca.

O candidato de Compromiso relata que en 2019 o PP cifrou o custe dese complexo deportivo en 1 millón de euros e asegurou que se financiaría con fondos da Xunta, plans da Deputación e fondos propios. Nesta liña, reta a Crespo a aclarar que partidas orzamentarias de calquera destas administracións se habilitaron ao longo destes últimos catro anos, nos que non se fixo nin unha soa xestión para activar esta iniciativa. Polo visto, “só formaba parte do espectáculo de fogos de artificio electorais do PP durante a pasada campaña”, di.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Neste contexto, pregúntase cales serán as “escusas de mal pagador” que utilizará Crespo para xustificar a súa mentira, toda vez que neste caso “entendo que non terá a falta de rubor de culpar ao anterior goberno, aínda que a estas alturas xa nada me sorprendería”. En paralelo, Cuiña espera que sexa “algo máis creativo” que as outras veces que prometeu este complexo deportivo e non o fixo. En 2011 dixo que non o puidera facer “pola crise” e en 2015 porque non acadara a Alcaldía.


Por último, e “ante unha probable nova fuxida cara adiante de Crespo”, Cuiña lembra que na Estrada si se está a executar o proxecto das pistas de atletismo, nos que, aquí si, a Deputación de Pontevedra está colaborando cunha achega de 800.000 mil euros. Mentres, en Lalín, o proxecto de Crespo “nin está nin se lle espera”.

1件のコメント


xocas gonzalez
xocas gonzalez
2023年3月18日

As relaciones con conselleiro de medio rural non son todo cooperativas de de que abandonou o señor blanco,mientras tres técnicos son premiados e un ascendido ...non lle gustou a denegación do seu expediente por parte da axencia

いいね!
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page