Radio Líder ficha ao veterano locutor arzuán Álvaro Veiga
- Laura Moure
- 17 sept 2022
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O vindeiro xoves 6 de outubro o locutor arzuán Álvaro Veiga regresa despois de oito anos á FM de Galicia a través da rede de emisoras de Radio Líder. Presentará todos os xoves de 17:00 a 20:00 horas, un magacín musical áxil e dinámico, cunha coidada selección musical de oldies, pop, rock, indie e autor, que inclúe concursos, entrevistas, axenda cultural, a participación dos oíntes e o seu particular estilo desenfreado.

Radio Líder é a primeira rede de emisoras independente de Galicia. Fundada no 2001 polo escritor e xornalista Diego Bernal, o xornalista Manuel Casal e a colaboración de Javier Sánchez de Deus. Ademais de Galicia, e dentro do seu plan de expansión, Radio Líder conta con diales repartidos nas comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e País Vasco.
Álvaro Veiga conta no seu haber cunha dilatada carreira profesional no mundo das ondas. Comezou como locutor na emisora municipal de Radio Arzúa no ano 1995, despois chegaría o seu paso por Radio Touro, para en 1998 formar parte do equipo de locutores de Radio Obradoiro, con sede en Santiago de Compostela, emisora na que gañou gran popularidade na capital galega ata 2014, chegando mesmo a gañar premios como o de Mellor Comunicador en 2009, da man do extinto SantiagoSiete.
Durante estes anos foi un dos presentadores imprescindibles en calquera evento que se realizara na capital galega. A súa carreira pasa tamén a partir de 2014 polas Illas Canarias, onde é o administrador da empresa Producións Majoreras, a cal xestiona unha emisora de radio na illa de Fuerteventura, así como varios xornais dixitais e unha produtora de eventos e contidos audiovisuais. Tras oito anos de ausencia, Álvaro Veiga regresa ao dial galego cun programa que ademais se poderá escoitar en Asturias, Cantabria e País Vasco, cuns 6 millóns de oíntes potenciais.
Comments