top of page
Foto del escritorLaura Moure

Récord de solicitudes con case 100 peticións para o campamento de verán do Concello de Silleda

Haberá dous grupos na Bandeira nos meses de xullo e agosto e catro en Silleda


Laura Moure/Silleda

O campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda vén de batir un récord de solicitudes cun total de 99 peticións rexistradas para outros tantos nenos e nenas. Á vista da situación, o departamento municipal de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, mantivo as xuntanzas oportunas ca empresa concesionaria do servizo, a fin de reorganizar o campamento na tempada estival, e tendo en conta as medidas estipuladas debido á situación sociosanitaria.

“Tratamos de buscar unha solución para poder reorganizar o servizo e ampliar ao máximo posible o número de persoas participantes, sen incrementar o custe a nivel municipal nin para as familias usuarias”, indica a concelleira, Ángela Troitiño. Logo das pertinentes reunións acordouse ampliar o número de grupos “burbulla”, con 15 menores cada un, establecidos por idades en cada quenda.


Así, en Silleda, con 54 solicitudes recibidas, o campamento contará con dous grupos de 15 participantes durante todo o verán, agás o mes de xullo pola mañá, na que se organiza un terceiro grupo, tendo así tres grupos burbulla durante todo o mes.


En xuño, do 23 ao 31, haberá dous grupos de 15 participantes (30 prazas) en horario de mañá e de tarde. En xullo serán tres os grupos (un deles só pola mañá), e en agosto outros dous grupos de mañá e de tarde, situación que se repetirá en setembro ata a víspera do inicio do curso.


No caso da Bandeira, con 45 solicitudes, as peticións centráronse no horario de mañá, ao rexistrarse só cinco para a tarde, co que non se acadou o mínimo de solicitudes para realizar o servizo no horario vespertino. Visto que para os meses de xuño e setembro apenas se rexistraron tampouco solicitudes, elimínase o servizo nestas datas (ao igual que en anos anteriores) e restrutúrase con dous grupos (30 prazas en total) nos meses de xullo e agosto en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas.


A día de hoxe, o departamento de Educación está a espera da documentación requerida ás familias que non completaron ou que tiñan erros na súa solicitude. Unha vez realizada a lista de persoas usuarias admitidas –seguindo o regulamento deste servizo municipal-comunicarase ás familais a aceptación e asignación de praza no servizo, ou se pola contra se atopan en lista de agarda.


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page