Despois de clausurar a sexta edición de Bo camiño na Capela da Madanela con máis de 3.700 visitantes, a arte en directo será a protagonista nos vindeiros días
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres, 9 de setembro, dentro da programación de verán, a quinta edición da actividade Arte na rúa. Trátase dunha xornada na que artistas profesionais de distintos puntos de Galicia traballarán obras en directo nas que Arzúa e o Camiño de Santiago serán o fío condutor.

A actividade desenvolverase na contorna da Capela da Madanela e, en caso de mal tempo, pasará ao interior da mesma, aos soportais da rúa do Carme e á carpa da Praza de Galiza.
Nesta quinta edición confirmaron a súa participación un total de quince artistas, entre os que se atopan as arzuás Rebeca Novo, María José Plata e Silvática. As creacións artísticas faranse de 10:30 a 13:30 horas e despois terá lugar un xantar de confraternidade.
Ás sete da tarde inaugurarase a mostra das obras realizadas na Capela da Madanela. A galería estará aberta do 12 ao 16 de setembro na Madanela en horario de 18:30 a 20:30 horas e nela poderase ver tamén obras de Violeta Bernardo, Manuel Carballeira, Juan García, Andrés González, Miguel Anxo Macía, Adolfina Mesa, Montse Pernas, Manuel Rodríguez, Laureano Vidal, Lomarti, Mila Vázquez e Novais.
Comments