top of page

“Quero aportar algo ao pobo no que vivo e traballo, potenciar Monterroso e dotalo da máis servizos"

O candidato do PP á Alcaldía deste municipio, Eloy Pérez, relaciona a política, en especial a municipal, coa “vocación de servizo público"


Ecos da Comarca/Monterroso

O Partido Popular de Galicia está dando a coñecer aos seus candidatos a través dun pódcast. Todo isto é o que contou o candidato do PP á Alcaldía de Monterroso, Eloy Pérez, quen relaciona a política, en especial a municipal, coa “vocación de servizo público: non me plantexara antes dedicarme á política, pero propuxéronmo no 2019 e aceptei o reto pensando en aportar algo ao pobo no que vivo e traballo”. O alcaldable popular márcase como obxectivos “dotar a Monterroso da cantidade máxima posible de servizos e potenciar o noso parque empresarial” para o que está a traballar na mellora da conexión coas vías de alta capacidade


Pérez sinala como outra das necesidades de Monterroso, tendo en conta o contexto social do século XXI, “a construción dunha verdadeira residencia da terceira idade para atender ás persoas maiores no pobo; xa que os fallos do deseño da infraestrutura que se lle chamou residencia da terceira idade impediron que acadase esa cualificación”

“Monterroso é unha vila do interior que atrae por si sola. Atópase ademais nun posición privilexiada no cruce entre as estradas que unen A Coruña e Ourense e Pontevedra con Lugo. A súa estrutura faino o pobo máis atractivo das vilas da contorna e, de feito, somos o máis poboado da comarca da Ulloa e dos poucos concellos rurais que incrementaron habitantes nos últimos anos”, defende o alcaldable popular.


Entre algúns dos seus atractivos, Eloy Pérez cita a Feira de Santos, “o gran supermercado rural que se celebra cada 1 de novembro transcendendo as fronteiras de Galicia” e sobre a que está a piques de abrir o Centro de Interpretación A Vila das Feiras “grazas ao noso empeño e o apoio da Xunta” onde se poderá coñecer, entre outros aspectos, “como foi medrando o pobo en relación a este evento que ten máis de 800 anos de historia”. A través deste centro de interpretación, apunta, "tamén queremos poñer en valor aspectos relacionados coa historia de Monterroso e que incluso moitos monterrosinos descoñecen” coma, por exemplo, que no castelo de Xirgal construído sobre un castro e do que só se conservan os seus restos foron criados dous reis de Castela: Alfonso VII e Fernando II -como recolle o libro Esperando al rey, de José María Pérez Peridis”


Un dos lugares que o candidato recomenda "visitar en Monterroso é a área recreativa da Peneda, un complexo situado nun entorno privilexiado no nacemento do río Ulla onde se reúnen mozos da zona -incluso das provincias limítrofes- na época estival, e para o que pronto se firmará un convenio para desenvolver o proxecto da súa modernización”. O candidato popular destaca tamén que “a xente de Monterroso é moi incluínte, aberta e acolledora” e lembra que “na última fin de semana de agosto temos un evento moi importante, o Festival Agrocuir, sobre a aceptación da diversidade sexual e no que participan persoas de toda España”.


Por outra banda, sinala que “entre a actividade política e a profesional -relacionada coa enxeñería agropecuaria- non teño practicamente tempo libre porque requiren dispoñibilidade para atender aos veciños”. E sobre as características que o definen, Eloy Pérez sinala “a capacidade de traballo, a honestidade e o respecto ás persoas, que considero fundamental. Independentemente da súa ideoloxía, trato de axudar a todos”. É por iso polo que cre que “se os veciños nos elixen, non se verán defraudados”.

Un novo formato

O pódcast en Primeira Persoa é unha idea orixinal do Partido Popular de Galicia na que diferentes candidatos das provincias galegas teñen a oportunidade de ser entrevistados nun formato directo, dinámico, e adaptado ás novas formas de comunicación que ofrece o universo transmedia


A máxima coa que se plantexan estas entrevistas é que os veciños podan coñecer á persoa que hai detrás do político e escoitar aos seus candidatos nun ton informal e próximo, máis alá de discursos políticos e ideoloxías.



Estas son as redes onde está dispoñible o pódcast en Primeira Persoa:


0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page