Queremos Parcelarias pídelle ao presidente da Xunta que reactive os procesos paralizados en Agolada
- Laura Moure
- 22 sept 2022
- 3 Min. de lectura
A asociación enviou esta semana unha carta a Alfonso Rueda solicitándolle unha entrevista
Laura Moure/Agolada
A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada vén de remitir o pasado luns unha carta a novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para explicarlle as súas demandas. Nesta nova petición reitera unha vez máis ante os representantes da Xunta de Galicia a demanda de que o seu goberno reactive os procesos de concentración parcelaria paralizados no concello de Agolada.

"Na misiva, pedimos unha reunión con Rueda para tratar a situación na que se atopan os procesos de concentración parcelaria que afectan a dez parroquias do concello de Agolada e cal vai ser o calendario previsto pola Consellaría competente para levalas a cabo”.
900 propietarios
Na carta, a asociación explícalle ao presidente da Xunta que “representamos a máis de 900 propietarios e propietarias en dez parroquias de Agolada, o 40% da poboación do concello de Agolada”. E por iso aseguran que “a nosa representación é suficiente como para ser escoitados e ser tidos en conta á hora de presentar as nosas demandas diante dun representante público”.
Queremos Parcelarias detallamos ademais os pasos dados pola asociación nos últimos anos e lembrámoslle a Rueda as promesas feitas polo conselleiro do Medio Rural aos propietarios afectados por estes procesos iniciados hai xa 20 anos. Tal como detallamos “nunha visita á zona o día 1 de marzo do 2019, o actual conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, sinalounos que a Xunta estaba a avaliar as 10 solicitudes de reestruturación parcelaria presentadas polos propietarios do concello de Agolada. Nos últimos días atopámonos na prensa, día si e dia tamén, novas a respecto do inicio de procesos de reestruturación parcelaria na nosa benquerida comarca do Deza".
Recalca que "son iniciativas que apoiamos rotundamente porque ao igual que as nosas demandas, agardamos esas servan para un tan necesario desenvolvemento axeitado do rural do noso país e o benestar das súa xentes. Pero cando tivemos a única xuntanza do conselleiro de Medio Rural no seu despacho, aló polo novembro de 2019, o conselleiro
informounos de que había 17 expedientes de procesos de concentración parcelaria diante de nós”.
Man negra?
Ademais diso o escrito deixa claro que “entendemos perfectamente, que tal como se estipula no artigo 71 da Lei do Estado 39/2015, debemos agardar polas que temos diante. Porén, estará vostede acorde con nós, en non comprender como procedementos, iniciados 20 anos despois, nos adianten sen ningún motivo legal. Lamentamos dicirlle que no noso concello de Agolada está estendida a crenza de hai unha man negra contra o interese do noso pobo. Nós, pola contra non pensamos dese xeito, e agardamos que dende o seu goberno, con feitos, se desminta e desacredite esa visión negativa das institucións que nos gobernan”.
Xa que logo, dende a asociación lembrámoslle ao presidente que “van alá vinte anos daquela primeira presentación de sinaturas por parte dos propietarios dos predios, e o proceso de reestruturación da propiedade segue pendente de acometerse dun xeito
favorable para o desenvolvemento da actividade agraria tan necesario para a fixación da poboación nestas nosas parroquias que día tras día van quedando sen xente e sen futuro. Vostede como Presidente ten feito en varias ocasións o seu compromiso coas necesidades de revitalizar o rural galego. Esta é una ocasión inmellorable para pasar das palabras aos feitos. Agolada ten futuro, pero precisa do compromiso da Xunta de Galicia para levar a cabo os proxectos pendentes de reestruturación parcelaria dos que dependen novas iniciativas para afianzar xente nova en Agolada”.
Commentaires