A asociación celebrou o pasado día 11 a súa asamblea, na que os socios e socias avalaron o traballo feito e os proxectos futuros
Laura Moure/Agolada
A Asociación Queremos Parcelarias en Agolada celebrou o pasado día 11 de setembro unha asamblea cos veciños e veciñas afectados por estes procesos para dar conta das actuacións levadas a cabo polo colectivo ata o de agora e os proxectos futuros da mesma. Os presentes apoiaron por unanimidade a dazón de contas e a necesidade de seguir adiante na loita polas concentracións pendentes no concello.

Deste xeito e logo de manter contacto con outras asociacións semellantes noutros lugares de toda Galicia, Queremos Parcelarias encabezará o proceso para crear unha Plataforma a nivel galego para defender estas demandas en puntos das catro provincias. A actividade desenvolvida por Queremos Parcelarias en Agolada dende o seu nacemento provocou que nos últimos tempos distintos colectivos e asociacións con intereses común en varios puntos de Galicia se puxeran en contacto coa directiva da asociación agoladesa para coñecer as actividades que Queremos Parcelarias está levando a cabo, logo de terse convertido nun referente na loita por estos procesos en todo o país.
Deste xeito, a directiva da asociación mantivo xa encontros presenciais con varias destas asociacións, así como telefónicos con outras, e continúa a reunirse co resto dos colectivos que se puxeron en contacto coa intención de crear unha Plataforma a nivel de toda Galicia que aglutine aos afectados polas paralizacións e negativas da Xunta de Galicia a levar a cabo concentracións parcelarias imprescindibles para o desenvolvemento do mundo rural galego. "Son moitos os propietarios de terreos en todo o país que non entenden que o Goberno galego non atenda estas peticións cando mesmo o propio conselleiro do Medio Rural asegurou recentemente que o futuro do rural galego pasa polas parcelarias".
Asamblea en Val de Sangorza
Logo de dous anos en que Queremos Parcelarias non puido celebrar unha asamblea xeral por mor da pandemia, o pasado 11 de setembro ás 17:00 horas os propietarios e
propietarias afectados asistiron na parroquia de Val de Sangorza a este encontro. A reunión celebrouse no campo da festa co obxectivo de manter as medidas de prevención precisas por mor da Covid, distancia de seguridade e encontro ao aire libre. Neste encontro, a directiva deu conta dos traballos e actividades feitas nestes anos, as cartas enviadas a distintas institucións coas súas demandas e o estado destas peticións.
Así Queremos Parcelarias púxose en contacto coa Directoral Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé; o delegado provincial da Xunta en Pontevedra, Luís López; o conselleiro do Medio Rural, José González; o alcalde de Agolada, Luís Calvo; e a voceira da oposición no Concello, María del Carmen Seijas. Logo das cartas enviadas, a asociación recalca que leva ano e medio agardando resposta ás súas misivas.
Recentemente, o pasado mes de agosto, Queremos Parcelarias volveu a dirixirse por carta á directora xeral de Medio Rural, reiterando unha petición para manter un encontro con ela logo de aparecer nos medios de comunicación que a Xunta vai decretar este ano 26 novas parcelarias, entre as que non se atopan as pendentes en Agolada, aínda que si aparecen outras na comarca de Deza.
Queremos Parcelarias lembroulle a Inés Santé que o conselleiro de Medio Rural asegurou en marzo de 2019 nun encontro en Agolada que as parcelarias pendentes no concello tiñan 17 diante para a súa tramitación e comprometeuse a comezar os trámites necesarios no ano 2021. Logo desta promesa a Xunta anuncia 26 novas parcelarias para este ano “e nós non estamos, logo nos meteron outras nove diante segundo os datos que nos deu o conselleiro en 2019”.
A asamblea de veciños e veciñas celebrada no campo da festa da parroquia de Val de Sangorza refrendou o traballo feito pola asociación neste tempo e manifestou o seu malestar polos datos expostos a respecto da nula resposta da Xunta e doutras institucións ás peticións de Queremos Parcelarias. Todos os veciños e veciñas presentes na reunión expresaron unanimemente o seu enfado pola falta de atención institucional ás súas lexítimas demandas, segundo como indica o colectivo.
Comments