Quedan reorganizadas as áreas do goberno municipal de Silleda
- Laura Moure
- 1 feb 2024
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de reorganizar as concellerías a través dun Decreto asinado pola alcaldesa, Paula Fernández, no que se lle otorgou ao novo concelleiro, Manuel Requeijo, as tarefas para a Xestión da Transición Ecolóxica e o desenvolvemento das accións necesarias para a loita contra o despoboamento. “Cremos firmemente que o futuro dos concellos do rural é o de territorios sostibles e para xente, polo que se trata dunha área de grande interese para o noso futuro”, indica a rexidora.

No marco deste traballo estableceranse de maneira inmediata accións de concienciación medioambiental e lanzáranse novas campañas a fin de continuar fixando poboación no termo municipal.
Publicidade
Pola súa banda, Mónica González continuará levando as mesmas áreas vinculadas a Xestión Social, asumindo ademais a única Tenencia de Alcaldía do Goberno. “A tenenta de alcaldesa de Silleda seguirá asumindo a relación directa cos colectivos silledenses”, engade Fernández Pena. Dende esta área, de maneira inmediata, tamén se poñerán en marcha accións vinculadas a Participación Cidadá “un dos compromisos que figuraba no noso programa electoral”.
Publicidade
A alcaldesa, que coordinará todo o Réxime Interior do Concello que inclúe os Recursos Humanos, e de atención ao desenvolvemento de todas as área, manterá tamén a carteira de Xestión Urbanística e de Promoción Económica, que viña asumindo xa dende o pasado mes de xuño. “O desenvolvemento urbanístico do noso Concello xunto coas oportunidades que chegan cos fondos de Europa teñen que ser o cerne de todas as nosas políticas”, engade.
Publicidade
Así mesmo, Ángela Troitiño mantén toda a área de Benestar (incluíndo ademais Educación, Sanidade e Igualdade), Jesús Taboada continúa ca xestión de Medio Rural, e Antonio Ferro Losada, co departamento de Vías e Obras no rural.
O executivo, tras esta remodelación, manterá este venres a súa primeira Xunta de Goberno Local.
Comments