O prazo para presentar as solicitudes abrirase unha vez que se publique a
convocatoria das mesmas, con 1.200 euros a cada establecemento
Laura Moure/Silleda
O BOP de Pontevedra publicou este mércores as bases que rexerán a concesión das axudas do Concello de Silleda ao sector hostaleiro (bares, cafeterías, restaurantes, hoteis, hostais, albergues, pubs, casas de turismo rural e discotecas). As bases foron aprobadas no último pleno ordinario do pasado 27 de maio por unanimidade. Estas axudas, cun importe de 1.200 euros por establecemento, poderán solicitarse unha vez publicada a convocatoria das mesmas. O texto ten que remitirse tamén a Base Nacional de Datos de Subvencións (BNDS).
A finalidade é promover reactivar e contribuír ao mantemento da actividade económica, o emprego e a competitividade dos establecementos dos epígrafes antes citados para que poidan facer fronte ás consecuencias da pandemia producida pola Covid 19, e que ser viron obrigadas a pechar polas medidas establecidas no Decreto 8/2011, do 26 de xaneiro, da Consellería da Presidencia da Xunta e da Orde do 26 de xaneiro de 2021 da Consellería de Sanidade e as súas posteriores modificacións.
As axudas deben tramitarse vía sede electrónica, presentando a documentación requerida nas mesmas e cubrindo un anexo que se facilitará neste mesmo espazo unha vez aprobada a convocatoria.
Estas axudas outórganse por un importe total de 86.000 euros, con fondos municipais e os procedentes da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos.
Comentarios