Publicada a Oferta de Emprego Público doConcello de Silleda para o ano 2025
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A oficina de vivenda de Silleda informa sobre axudas para a eficiencia enerxética en vivendas
Ecos da Comarca/Silleda
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica onte o anuncio ca Oferta de Emprego Público para o ano 2025 do Concello de Silleda. A proposta foi aprobada pola Xunta de Goberno Local despois de abordarse a proposta na Mesa de Negociación cos representantes sindicais o pasado mes de marzo.
Na citada oferta contemplase un total de 8 prazas, 7 delas por quenda libre. Así, como persoal funcionario convócase unha praza de axente da Policía Local, e outra de oficial de Policía (neste caso promoción interna).
No tocante ao persoal laboral, convocase 1 praza de oficial do Servizo de Augas, 1 de coordinador/a do Servizo de Axuda no Fogar, 1 de axudante de coordinación deste mesmo servizo e outras dúas de auxiliares tamén do SAF.

Unha vez publicada tamén a oferta no Diario Oficial de Galicia, iniciarase o procedemento da convocatoria, ca aprobación da mesma, as bases do proceso e abrirase o prazo de presentación de solicitudes.
Por outra banda, a Oficina de Vivenda do Concello de Silleda informa de que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas do programa VI406E, destinadas a financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas habituais. A convocatoria, publicada pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, estará vixente ata o 8 de xullo de 2025, agás que se esgote o crédito dispoñible antes desa data.
As subvencións están dirixidas a persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias, sempre que a vivenda constitúa o domicilio habitual e permanente da persoa solicitante. O obxectivo é fomentar obras que reduzan o consumo enerxético, como o illamento térmico, a substitución de fiestras ou a renovación de sistemas de calefacción.
Publicidade
A Oficina de Vivenda de Silleda ofrece información, acompañamento e asesoramento ás persoas interesadas en presentar a súa solicitude. Desde o Concello insístese na importancia de acudir ao servizo municipal para resolver dúbidas sobre a documentación técnica requirida ou o procedemento de tramitación.
As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal ), empregando certificado dixital ou sistema Chave365. A documentación a achegar inclúe certificados de eficiencia enerxética previos e posteriores, proxecto ou memoria da actuación, orzamentos, licenza ou comunicación previa, e outros anexos específicos.
A Oficina de Vivenda lembra que a normativa permite actuar mediante axentes ou xestores de rehabilitación, sempre que se conte coa autorización correspondente. A alcaldesa e Concelleira de Urbanismo, Paula Fernández, anima á veciñanza a aproveitar esta oportunidade “permitirán mellorar as condicións das vivendas e reducir o impacto ambiental, contando co apoio dun servizo municipal de proximidade”. Para máis información, as persoas interesadas poden acudir á Casa do Concello ou contactar a través teléfono 986 580 000 extensión 1.
Comments