Publicada a convocatoria no BOP para as prazas de arquitecto técnico e educador social para Silleda
- Laura Moure
- 11 nov 2023
- 2 Min. de lectura
O luns ábrese o prazo de inscrición do “Camiño da igualdade”
Laura Moure/Silleda
Aprobadas este venres no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria e bases dos procesos selectivos para as prazas de arquitecto/a técnico/a e de educador/a social para o Concello de Silleda. O prazo para presentar solicitudes será de 20 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

En ambos procesos de selección o sistema é por oposición. Ademais, no caso da praza de arquitecto/a técnico/a é por quenda libre, pero para a de educador/a social é por promoción interna. Xunto a estas prazas atópase a de enxeñeiro/a (grupo 1), aínda sen publicar no BOP, que completa a Oferta de Emprego Público do Concello de Silleda para o ano 2023.
Pódense consultar na páxina web do concello a convocatoria e bases publicadas no BOP de Pontevedra.
Publicidade
Por outra banda, o roteiro para a visibilización das mulleres de onte e de hoxe, que leva por nome “Camiño da igualdade”, é polo sendeiro da Saleta o sábado 18. A saída é ás 10:00 horas da Casa da Xuventude e durará ata ás 13:00 horas. É preciso inscribirse no CIM de Silleda,
presencialmente, por teléfono (986 592 037) ou por correo electrónico (cim@silleda.es) do luns 13 ata o venres 17.
Lémbrase tamén que o venres 24, a través da actividade “Aprendendo a previr”, repartirase un lote de libros aos centros educativos do concello (Escola Infantil A Galiña Azul, os dous CEIP, IES Pintor Colmeiro e o Colexio María Inmaculada) que traten e afronten a problemática da desigualdade por razón de sexo e a violencia machista.
Os actos do sábado 25 realizaranse na praza Siñor Afranio. Ás 12:00 horas terá lugar a concentración contra a Violencia de Xénero. Levando por título “Fagámolas visibles”, de 10:30 a 14:30 horas, haberá un stand divulgativo como campaña de sensibilización para visibilizar as violencias machistas e todos aqueles machismos invisivilizados que podemos atopar na sociedade, ademais dun photocall polo bo trato.
Publicidade
A escultura da muller labrega, iluminada de violeta
Así mesmo, dende o 24 ao 30 de novembro, a iluminación da rotonda da N-525 onde se sitúa o monumento á muller labrega, cambiará á cor violeta, optando un ano máis por este xesto simbólico.
O domingo 26, na vila da Bandeira, de 10:00 a 13:00 horas levarase a cabo a gran xincana “Igualdade Express” facendo un percorrido pola localidade con probas e retos que busquen concienciar sobre a importancia dunha sociedade igualitaria.
Por último, o mércores 29 ás 20:00 h no salón de actos do novo Concello de Silleda representarase “Golpes”, unha obra teatral contra a violencia machista, da compañía a Antena.
Comments