Proxecto Ríos e Adega darán a coñecer este verán os valores naturais do Alto Ulla
- Laura Moure
- 13 jul 2024
- 2 Min. de lectura
As actividades serán o 21 de xullo e o 11 de agosto e é necesario reservar praza
Laura Moure/Xeral
Nas vindeiras semanas, Adega ten previsto realizar dúas actividades no marco do proxecto de custodia fluvial Proxecto Ríos, para dar a coñecer os valores naturais singulares da bacía alta do río Ulla." Este espazo, actualmente ameazado polo proxecto da macrocelulosa de Altri e Greenalia, constitúe ambientalmente unha área singular definida por unha xeoloxía e uns solos cunhas propiedades moi particulares que permiten a vida dunha flora única no mundo", sinala a asociación.

A través destas actividades, Proxecto Ríos tratará de "sensibilizar e dar a coñecer á cidadanía sobre a importancia da preservación desta biodiversidade ameazada, así como do coidado do propio río Ulla, o cal tamén se vería drasticamente afectado de chegarse a instalar a fábrica de celulosas no Alto Ulla".
Estas saídas educativas contan co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e coa colaboración das entidades asociativas locais Santiso Vivo, a Plataforma Ulloa Viva e a Fundación Eira da Xoana.
Publicidade
A primeira actividade de Proxecto Ríos no Alto Ulla será un Bioblitz ou descuberta de biodiversidade, que terá lugar o domingo 21 de xullo en horario de mañá (10h – 14h). Será unha actividade guiada por persoas expertas que consistirá en identificar todas as especies posibles nunha pequena área da contorna da lagoa de Santiso e as beiras do Ulla. Para participar, non se require experiencia previa. No percurso da actividade, localizaranse os endemismos ou especies botánicas singulares que caracterizan á zona, e procurarase atopar novos endemismos para sumar ao listado e pedir a protección que merece este lugar.
Esta actividade encádrase dentro dos proxectos denominados de ciencia cidadá. A segunda actividade será un Roteiro interpretativo, que terá lugar o domingo 11 de agosto, tamén en horario de mañá de 10h- 14:30 horas. Percorrerase o espazo explicando as peculiaridades da zona e facendo paradas para recoñecemento da flora e fauna máis importante. O roteiro terá un percorrido de aproximadamente 8 quilómetros e terá unha dificultade baixa, sen moito desnivel.
Publicidade
Reserva a túa praza
Estas actividades están abertas a todo o público en xeral, mais as prazas son limitadas, polo que é imprescindible anotarse nos formularios:
Bioblitz: https://forms.gle/P5zspmBSkartLNzC9
Roteiro: https://forms.gle/HbA7z6iuj7r2jKT16
Tamén podes acceder aos formularios de reserva de praza a través dos códigos QR do cartaz divulgativo. Para máis información:marialafuente@adega.gal
Comments