top of page
Foto del escritorLaura Moure

Proposta de adxudicación para a 4ª fase do centro polivalente de Rodeiro por 186.665 euros

O tribunal eleva a oferta de Cíes Obra Civil SL á xunta de goberno local, que pretende resolver a contratación na sesión de hoxe, se chega a tempo toda a documentación


Laura Moure/Rodeiro

A mesa de contratación do proxecto correspondente coas obras da 4ª e derradeira fase do Centro Polivalente de Uso Asistencial de Rodeiro, emprazado entre o Centro Cultural Manuel Lamazares e a zona deportiva da localidade, vén de realizar unha proposta de adxudicación, pola empresa Cíes Obra Civil S.L., para unha actuación que conta cun orzamento de 186.665 euros.

Segundo o acordo adoptado, a mesa de contratación eleva esta proposta –por tratarse da máis vantaxosa e da que obtivo maior puntuación na baremación– á xunta de goberno local de Rodeiro, que ten a intención de resolver a contratación na sesión de hoxe, venres 26, se chega a tempo toda a documentación.

A empresa, en caso de ser finalmente a adxudicataria, disporá dun prazo máximo de tres meses dende a sinatura de contrato, que se prevé para as semanas seguintes tras a comunicación da adxudicación a dita firma e os habituais trámites administrativos previos, e da posterior acta de replanteo, que é a que marca a data oficial de inicio de obra.

En base ás previsións do goberno local, as obras comezarán posiblemente entre os meses de xuño e xullo, cando xa estean rematadas as principais actividades deportivas e escolares, co propósito de non interferir nas mesmas, posto que na contorna da actuación haberá actividade construtiva.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esta 4ª fase do Centro Polivalente de Uso Asistencial permitirá definitivamente a conclusión deste inmoble, xa que consistirá no remate integral da fachada e na instalación das carpintarías exteriores, principalmente portas e fiestras, así como outras pequenas obras menores, tal e como informa o Concello.

A obra, que conta cun orzamento global de 200.000 euros incluíndo os emolumentos da redación do proxecto, permitirá poñer a disposición do Concello de Rodeiro un edificio que se orientará, principalmente, á prestación de actividades e servizos do Departamento de Servizos Sociais adicados sobre todo ás persoas maiores e cativos.



0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page