A alcaldesa, Paula Fernández, intervirá o vindeiro xoves 23 na presentación organizada dende o GDR Terras de Pontevedra Norte
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda estará presente na gran Feira Internacional de Turismo (Fitur) que arranca a vindeira semana en Madrid no recinto de IFEMA. Silleda participará xunto a outros municipios da comarca de Deza e Tabeirós no acto organizado dende o GDR Terras de Pontevedra Norte para a promoción das festas de Interese Turístico Nacional e Internacional, baixo o lema Deza e Tabeirós, tradición e gastronomía.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, intervirá na sesión o xoves día 23 para falar da Festa da Empanada de Bandeira, declarada en setembro do pasado ano como Festa de Interese Turístico Nacional. Con esta declaración, o Concello de Silleda suma un novo recoñecemento, tras contar con outras festas de interese turístico galego, como a Romaría da Tortilla ou o Entroido do Ulla, que voltará o vindeiro mes e para o que xa se están a organizar os preparativos en colaboración cos colectivos.
Publicidade
“A gastronomía é tamén unha embaixadora do noso territorio, e neste caso a protagonista será a Empanada”, indica Paula Fernández. O municipio de Silleda tamén estará presente na primeira xornada de Fitur, ca presentación o mércores 22 do Salón Turexpo, no marco da Semana Verde de Galicia.
Comments