Prohibidas dende mañá, sábado, as queimas agrícolas e forestais de particulares
- ecosdacomarca
- 23 jun 2023
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral

A partir deste sábado 24 de xuño quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia, quedando excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste vindeiro sábado.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez
analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas
relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio
rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas
cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que
extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña
coñecemento, dado que desde este sábado e ata novo aviso non está permitido o uso do
lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares.
Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Comments