A estadía enmárcase no programa europeo Erasmus+ Intercambio de boas prácticas
Laura Moure/Arzúa
Unha delegación de 10 formadores e técnicos das tres Efas de Galicia desprazáronse, a pasada semana á Bretaña francesa para participar nun programa de traballo centrado no intercambio de experiencias en materia da alternancia na formación profesional. A federación rexional das MFR (centros equivalentes ás Efas no país galo) e as MFR de
Bretagne foron as anfitrionas e organizadoras das xornadas de traballo que permitiron que os profesionais da Federación Efas de Galicia, Efa Piñeiral (Arzúa), Efa Fonteboa (Coristanco) e Efa A Cancela (As Neves), coñecesen un nutrido número de centros de formación e empresas do sector hortícola, agrícola, comercio, márketing, loxística…onde se leva a cabo a metodoloxía da alternancia; na cal o alumnado combina quincenas de formación na aula e na empresa ó longo de todo o curso académico.
Este sistema aplícase ó longo de tódalas etapas educativas e incluso en licenciaturas profesionales en Francia. Claude Richard, antiguo director da Federación rexional das MFR, salientou a importancia de manter e consolidar boas relación coas empresas “elas son á fin as que poden proporcionar a formación máis especializada para o alumnado, e ó mesmo tempo son as beneficiarias á hora de reclutar profesionais cunha formación idónea”.
Directivos das MFR de Bretaña incidiron na relevancia de fortalecer os intercambios de aprendizaxe e formación entre España e Francia. “Non son poucos os casos de alumnos que poden cursar grazas ós Erasmus estudos no estranxeiro, as movilidades entre os nosos centros de formación e as Efas españolas son moi habituais, o cal é realmente beneficioso para todos; Así é como facemos Europa”, apuntan.
Pola súa banda, dende as Efas de Galicia tildan esta estadía como unha “experiencia moi
positiva que permitiu afondar no sistema de traballo da alternancia, a interactuación co tecido empresarial e os axentes sociais, así como constatar o impacto que esta metodoloxía xenera no desenvolvemento rural e o alto grado de inserción laboral que del se desprende”.
A Metodoloxía da Alternancia
A alternancia é a metodoloxía que empregan as Efas de Galicia na súa formación dende a súa fundación, fai xa cinco décadas. Fundaméntase na posibilidade de que o alumno adquira coñecementos e técnicas na aula e en permanente contacto con profesionais e empresas durante toda a súa formación, de tal xeito que a súa inserción no medio laboral é máis doada e rápida.
Comentarios