top of page

Presentado en Arzúa o proxecto Alén dos Pasos que mostra o Camiño do Norte a vista de paxaro

Instaláronse 10 sinais en 10 municipios do trazado desta ruta que permiten acceder a pequenos vídeos que descubren algúns dos seus atractivos


Laura Moure/Arzúa

A xefa territorial na Coruña de Presidencia, Xustiza e Turismo, María Barreiro e a concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, presentaron este luns en Arzúa o proxecto Alén dos Pasos. Fixérono acompañadas de Alejandro Uzal, da empresa Fílmate Estudos Fotográficos e promotor do proxecto, xunto ao sinal instalado no termo municipal. Trátase dunha das 10 indicacións que xa se poden atopar ao longo do trazado galego do Camiño do Norte e que permiten acceder a pequenos vídeos do percorrido realizados con dron.

O proxecto Alén dos Pasos está apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é trasladar aos peregrinos unha perspectiva distinta da que poden obter no seu percorrido a pé, ademais de descubrirlles alguns lugares de interese que non están incluídos no trazado do Camiño.


Cada sinal sérvese dun código QR que dirixe a pequenos vídeos gravados con dron. Así, en cada un dos 10 municipios do Camiño do Norte nos que se instalou esta sinalización, os peregrinos poden acceder cos seus teléfonos móbiles a estas pezas audiovisuais chamadas a mostrar recunchos e perspectivas ás que, doutro xeito, non terían acceso durante o seu roteiro a Compostela. Os sinais xa está instaladas nos concellos de Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Sobrado dos Monxes, Arzúa e O Pino.

Estes indicativos de madeira atópanse sempre próximos a algún dos mojóns que marcan o trazado do Camiño. A través dun breve texto en galego, castelán e inglés e do propio código QR, cada unha dos sinais dirixe a un vídeo protagonizado por algúns dos atractivos do termo municipal no que se atopan. En ocasións, a vista de paxaro cínguese ao propio trazado do Camiño. Noutras, os peregrinos teñen a oportunidade de descubrir senllas naturais, roteiros, elementos patrimoniais e enclaves de interese dentro do concello e que non están incluídos no seu percorrido.


Todos os vídeos do proxecto son accesibles a través da canle de Youtube Alén dos Pasos:

https://www.youtube.com/channel/uc9PjqXPzaJBNHWjIrPS2JYg Ademais, a fin de xerar un repositorio videográfico libre de dereitos, que permita a utilización gratuíta dos vídeos para a promoción dos concellos e do propio Camiño do Norte, os vídeos poden descargarse @gratuitamente en flickr.com/people/alendospasos


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page