Este servizo conta cun importe de licitación de 437.373 euros anuais
Laura Moure/Silleda
O prazo de presentación de ofertas para o contrato do servizo de recollida do lixo e xestión do Punto Limpo de Silleda rematou o pasado martes día 7 ca presentación dun total de tres ofertas. A mesa de contratación reunirase nos vindeiros días para iniciar os trámites pertinentes de cara á sinatura do novo contrato, que se extenderá por un periodo de 10 anos.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_737f6510f36e4d45ba6541deb31e4be9~mv2.jpg/v1/fill/w_592,h_435,al_c,q_80,enc_auto/0216be_737f6510f36e4d45ba6541deb31e4be9~mv2.jpg)
Este servizo incluirá a xestión e recollida integral de todos os residuos así como a xestión do Punto Limpo, cun importe de licitación de 437.373 euros anuais. No pleno do pasado mes de setembro deuse luz verde a amplicación do gasto para acadar unha xestión integral da recollida de lixo (incluíndo tamén a de cartón, plásticos agrícolas e xestión do Punto Limpo) por un periodo de 10 anos. Con este novo contrato búscase tamén seguir avanzando na mellora do servizo.
Pistas Plan Concellos
Por outra banda, o vindeiro luns remata tamén o prazo de presentación de ofertas para o proxecto de mellora integral de vías no rural que se executará nos vindeiros meses cun investimento de máis 600.000 euros a través dos fondos que lle corresponden ao municipio do Plan Concellos da Deputación.
Neste proxecto figuran un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO- 211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda- e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclue actuacións en distintas parroquias. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá acceso a varios lugares).
Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case 1 quilómetro de lonxitude. En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta atra o lugar de Vilariño.
Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central da parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 quilómetros de lonxitude. Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017. Inclúese tamén a reforma integral do vual dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 quilómetros de lonxitude.
Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada: o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda. En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente.
Comentarios