Esta semana rematou o prazo de licitación da primeira fase do proxecto, por un importe de 1,8 millóns de euros
Laura Moure/Silleda
O prazo de presentación de ofertas para a obra da primeira fase da remodelación da actual Casa da Cultura como futura Casa consistorial de Silleda rematou esta semana cun total de seis empresas presentadas no proceso. Esta primeira fase do proxecto para a centralización e mellora de todos os servizos municipais saíu a licitación o mes pasado na Plataforma de Contratación do Estado por un importe de 1,8 millóns de euros.

Dende o goberno municipal, o alcalde Manuel Cuiña, explica que o proxecto conta con todos os informes favorables, incluído o de Patrimonio, para acometer esta primeira fase do proxecto. En canto á financiación, Cuiña lembra que o Concello de Silleda percibirá máis de 700.000 euros da Deputación de Pontevedra, a través do programa Reacpon, para levar a cabo esta primeira actuación. “Así mesmo, este goberno continuará traballando para conseguir máis fondos que permitan financiar o proxecto, unha das grandes actuacións desta lexislatura que permitirá á veciñanza de Silleda contar cunha casa consistoral adaptada aos tempos actuáis, cos servizos centralizados e unha mellor atención”, engade.
De feito o alcalde xa mantivo un encontro con responsables da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, da Xunta de Galicia, “un encontro satisfactorio que se materializará en vindeiras datas tamén con aportación da Xunta a este proxecto”, explica.
O proxecto, elaborado polo arquitecto silledense Abraham Castro, completarase nunha segunda fase cun novo edificio na parte posterior para dar cabida a todos os departamentos municipais. Nas vindeiras semanas está previsto organizar o traslado das dependencias da Casa da Cultura, reubicando os servizos noutras dependencias municipais.
Comments