top of page

Presentadas en Silleda 190 solicitudes para a bonificación do IBI a explotacións agrogandeiras

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Este é un avance do primeiro reconto realizado dende o departamento do Punto de Información Catastral, que tramitou os expedientes.

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda rexistrou este ano 190 solicitudes para acollerse á bonificación do Imposto de Bens Inmobles ((IBI) para as construcións agrogandeiras. Este é un avance do reconto primeiro realizado dende o departamento do Punto de Información Catastral, que tramitou os expedientes.


Esta bonificación foi acordada polo goberno municipal xa en 2016, logo de saber que a revisión catastral integral realizada dende a Dirección Xeral do Catastro incluiría a referenciación de construcións relacionadas co sector primario. Os propietarios de estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros (sempre que estén en activo) foron atendidos nos últimos tres meses no Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, onde se tramitaron as solicitudes das correspondentes bonificacións dende o pasado 1 de xaneiro.


Coa modificación da normativa municipal, proposta pola Alcaldía e que entrou en vigor en xaneiro de 2017, recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego. No caso das que conten ca mesma referencia catastral que a vivenda, a bonificación é do 50%.


Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.


A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense dende o ano 2017 no imposto Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasaron a pagar a cota correspondente. Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse daquela ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.


Tal e como estipula a normativa municipal, para o vindeiro ano 2022 abrirase de novo un prazo dende o 1 de xaneiro e ata o 31 de marzo para que todos aqueles veciños e veciños que cumpran os requisitos poidan facer a solicitude. Dende o Concello lémbrase que é unha bonificación rogada, co que debe de solicitarse todos os anos.

Unha granxa no municipio de Agolada.

Autor: Ecos da Comarca





Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page