Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda rexistrou este ano un total de 125 solicitudes para acollerse á bonificación do Imposto de Bens Inmobles para as construcións agrogandeiras.
Estas solicitudes inclúen un total de 159 referencias catastrais. Esta
bonificación foi acordada polo goberno municipal xa en 2016, logo de saber
que a revisión catastral integral realizada dende a Dirección Xeral do Catastro
incluiría a referenciación de construcións relacionadas co sector primario.

Os propietarios de estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- foron atendidos nos últimos tres meses no Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado na pranta baixa da Casa do Concello.
Coa modificación da normativa municipal, proposta pola Alcaldía e que entrou en vigor en xaneiro de 2017, recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego. No caso das que conten ca mesma referencia catastral que a vivenda, a bonificación é do 50%.
Publicidade
Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.
Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse daquela ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.
Comments