O investimento total previsto é de 823.841 euros
Rúa Progreso de Silleda. Foto: Concello de Silleda
Laura Moure/Silleda
O prazo de licitación do proxecto Mellora da Mobilidade Peonil na rúa Progreso de Silleda rematou a semana pasada cun total de cinco ofertas presentadas. En próximas datas, e unha vez que se reúna a Mesa de Contratación, o pleno será o órgano encargado do proceso de adxudicación desta obra, cofinanciada entre o Concello e o Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE). O investimento total previsto é de 823.841 euros.
Esta actuación suporá a humanización de todo o tramo, creando beirarrúas máis amplas, plataforma compartida e renovando tanto o mobiliario coma o alumeado. Así mesmo, logo de conseguir pechar un acordo con propietarios para crear unha zona de estacionamento público no enlace da Progreso co tramo de Condes do Deza, o goberno municipal segue a negociar con outros propietarios no entorno desta rúa para lograr máis espazos de estacionamento .
En días pasados responsables municipais visitaron o emprazamento xunto con membros da propiedade para coñecer o estado da instalación e facer unha primeira valoración das melloras a realizar. O convenio levarase a cabo nos mesmos termos que os dos outros aparcamentos públicos conseguidos nos últimos anos, con cesión temporal de uso. “Seguimos a traballar para conseguir máis bolsas de estacionamento no centro da vila”, indica o alcalde Manuel Cuiña.
ความคิดเห็น