Precísase aumentar as reservas de sangue dos grupos A positivo, A negativo, 0 positivo e B positivo
- ecosdacomarca
- 25 jun
- 2 Min. de lectura
Os grupos sanguíneos amosan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o chamamento e solicitar a colaboración na doazón de sangue
Ecos da Comarca/Xeral

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue, especialmente dos grupos A positivo, A negativo, O positivo e B positivo. As reservas destes grupos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.
Lembrar que os hospitais de Galicia necesitan máis de 400 doazóns diarias para desenvolver de maneira eficaz o seu labor asistencial posto que moitas das tarefas que se realizan a diario son imprescindibles os compoñentes sanguíneos.
Publicidade
En determinadas épocas do ano, como no período estival, pode baixar o número de doazóns pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Neste sentido, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue.
Publicidade
As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estarán dispoñibles para visitar nestes días os diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan os adecuados niveis dos grupos sanguíneos sinalados.
ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña. Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa.
Para máis información pódese consultar a páxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal, tamén as redes sociais e un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
Commentaires