Portodemouros acollerá mañá a I proba do XXI Circuíto Galego Arzúa-Ulloa DOP de Augas Abertas
- Laura Moure

- 31 may 2025
- 2 Min. de lectura
Reunirá preto de 200 nadadoras e nadadores de toda Galicia
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa acolleu esta semana a presentación oficial da I proba do XXI Circuíto Galego Arzúa-Ulloa DOP de Augas Abertas, que se celebrará mañá, domingo, 1 de xuño, no encoro de Portodemouros. Nunha cita que reunirá preto de 200 nadadoras e nadadores de toda Galicia, esta primeira etapa marcará o inicio dun circuíto xa consolidado como referente no calendario do deporte galego ao aire libre. No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, e a presidenta do Club Natación Arzúa, Mª Isolina Curros.

Un novo impulso para Portodemouros
O alcalde Xoán Xesús Carril agradeceu á Federación a confianza depositada en Arzúa para abrir o circuíto: “Queremos agradecerlle á Federación Galega de Natación que escollera Arzúa para inaugurar o circuíto. É o segundo fin de semana consecutivo no que o noso concello se convirte no epicentro do deporte galego, despois da celebración da proba de BTT a pasada semana.”
Carril salientou tamén o valor simbólico e político da recuperación do encoro: “Sabemos das dificultades que implica recuperar toda a actividade e o valor simbólico que tivo Portodemouros, un espazo que foi referencial e que durante moitos anos permaneceu no máis absoluto abandono. Mais o noso compromiso é claro: asinar o convenio, que a día de hoxe está paralizado por cuestións administrativas, e traballar con constancia para devolverlle a este enclave todo o seu esplendor.”
Deporte, turismo e posta en valor da contorna
As probas deportivas desenvolveranse ao longo da mañá do domingo. Ás 10:00 horas comezará a categoría Máster; ás 11:30 competirán as categorías Infantil, Júnior e Sénior; e ás 13:00 horas será a quenda da categoría Alevín.
Publicidade
A cita contará coa presenza de familiares e acompañantes das persoas participantes, que chegarán a Arzúa xa desde días antes, o que suporá unha maior afluencia turística na contorna. Un feito que contribuirá a dar a coñecer Portodemouros, un enclave natural que foi durante anos un espazo de referencia en Galiza polo seu alto valor ambiental e paisaxístico.
Información práctica
Anímase á veciñanza e ao público en xeral a achegarse a presenciar a proba e desfrutar dunha xornada de deporte nunha contorna única. Debido ás características da competición e ao espazo no que se desenvolve, recoméndase tomar precaucións básicas, como levar protección solar, auga e roupa cómoda para circular pola zona do encoro.







Comentarios