Ecos da Comarca/Touro
Baixo o título “A estratexia da Mina de Touro ao descuberto”, os organizadores invitan a unha tarde informativa no Centro Social A Pedreira sobre a mina de Touro cuxo proxecto de reapertura está en fase de alegacións. O evento arranca coa proxección do documental “Dende que veu a mina” realizado pola Cooperativa Aqueladas coa colaboración de Ecoloxistas en Acción, "que conta a historia do desastre social e ambiental causado pola mina de Touro e as graves consecuencias que pode ter a súa reapertura para a comarca".

O documental foi publicado en novembro deste 2024 por Ecoloxistas en Acción e proxéctase este venres por primeira vez na provincia de Pontevedra.
“As imaxes da contaminación e os testimonios dos veciños non deixarán a ninguén indiferente, son realmente impactantes. De cara á inminente solicitude de concesión a explotación do dereito mineiro Alberta I coa presentación do proxecto Mina Doade (Forcarei, A Lama, Beariz, Avión, Cerdedo- Cotobade) queremos que en Pontevedra se vexan os impactos ambientais e sociais desastrosos que pode ter a minería”, afirman as plataformas locais SOS Suido Seixo e Alarma na Terra de Montes.
Publicidade
A continuación membros da plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non informarán sobre a actual situación que se vive en Touro, que impactos tería a reapertura da mina e sobre os argumentos principais das alegacións, "recordando que este proxecto xa foi denegado en 2020, agora foi catalogado como proxecto industrial estratéxico, pero segue sendo o mesmo polo que se estaría incumplindo a Lei ambiental por parte do Goberno galego ao seguir co trámite. Os primeiros modelos para alegar xa estarán dispoñibles para a sinatura dos asistentes esa mesma tarde".
Comments