Pontón exemplifica en Silleda na “histórica rebaixa” das peaxes da AP-53 a “política útil” do BNG
- ecosdacomarca
- 11 abr
- 2 Min. de lectura
A líder nacionalista destaca "que os descontos de ata o 75% benefician a familias e sector do transporte, melloran a competitividade empresarial e dinamizan a comarca de Deza"
Ecos da Comarca/Deza
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou a “histórica rebaixa das peaxes da AP-53 lograda polo BNG no acordo de investidura co PSOE como un exemplo da política útil e con maiúsculas que practica o Bloque para mellorar a vida das persoas". Así o afirmou en Silleda, a onde se desprazou pola autoestrada onte, primeiro día de aplicación dos descontos, para explicar a súa repercusión para a comarca de Deza, nun acto no que estivo acompañada de responsables locais e comarcais e no que apuntou ao BNG "como a forza política que mellor defende os intereses galegos en Madrid, xa que até que impulsou a rebaixa no acordo de investidura, ningún goberno, nin do PP, nin do PSOE, foi quen de adoptar esta medida".

Pontón puxo en valor o importante aforro que supón a rebaixa para todos os usuarios e usuarias da AP-53 en Deza, un aforro de até o 75% que beneficia ás familias, e de maneira relevante tamén ao sector do transporte, que aumenta a competitividade empresarial e que contribúe ao desenvolvemento económico e social de toda a comarca.
Neste sentido, explicou que unha persoa que viaxa todos os días entre Santiago e Lalín por razóns laborais ou calquera outro motivo aforrará 2.520 euros anuais xa que pasará de pagar 3.360 a 840 euros. No caso dun vehículo pesado, o aforro anual oscila entre os 1.632 e os 3.360 euros ao ano, dependendo do tipo de vehículo, o que supón unha baixada importantísima das peaxes que, recalcou, axuda e moito ás Pemes e aos traballadores e traballadoras autónomas do sector do transporte.
Publicidade
Os descontos, que veñen a corrixir un agravio xa que esta era a única autoestrada que non tiña rebaixas, beneficiarán en todo caso ao conxunto da cidadanía que utilice a AP 53, posto que facer a viaxe Lalín-Santiago-Lalín pasa agora a custar a metade porque se aplica un recorte nas peaxes do 50% para todo tipo de vehículos. “Con esta rebaixa demostramos a utilidade da representación do BNG”, sintetizou a portavoz nacionalista, quen salientou que o Bloque xa acadou máis para os galegos e as galegas cun só deputado e unha senadora en Madrid que todos os deputados, deputadas e senadores e senadoras das forzas estatais.
Pontón contrapuxo así o labor do Bloque en defensa dos intereses galegos "a un Goberno do PP submiso a Madrid, cun presidente da Xunta que antepón os intereses do Partido Popular por diante de Galiza e a súa xente. Un Alfonso Rueda “instalado na estratexia da confrontación pola confrontación que lle marca o PP desde Madrid”, subliñou.
“Estamos facendo o traballo que non fai o presidente da Xunta”, incidiu a líder nacionalista, quen comprometeu o esforzo do Bloque para seguir practicando esa “política útil” e que coloca “no centro ás persoas” con logros concretos como esta rebaixa histórica nas peaxes da AP-53 que, concluíu, é un “paso adiante” cara a conseguir unha autoestrada libre das peaxes “que impuxo o PP no seu momento”, tal e como vén reclamando a formación nacionalista dende hai anos.
Comments