Pombo de Normandy, Alondra e Lavandeira gañadores do Morfolóxico de cabalo Pura Raza Galega en Silleda
- Laura Moure

- 7 jun
- 5 min de lectura
Espectáculo e entretemento tomaron dende onte a feira Abanca Semana Verde 2025 con actividades ecuestres, caninas, de motor ou de beleza
Laura Moure/Silleda
A 48ª Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu onte o Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega.
Na categoría de sementais, o gañador foi Pombo de Normandy, de Fernando Groba, de As Neves (Pontevedra), sendo o segundo posto para Izar XR, de Juan Paz de Guitiriz (Lugo) e o terceiro para Rango da Caxigueira, de Xan das Bouzas, de
Mondoñedo (Lugo).

En canto a eguas, o pódium estivo composto, de primeira a tercira, por Alondra, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), Fonteíña II, de Juan Fontenla, de A Estrada (Pontevedra), e Garbosa de Tras do Río, de Gandería Tras do Río.
Respecto a poldras, a primeira clasificada foi Lavandeira, de Gandería Tras do Río; a
segunda Gitana FR, de Juan Fontenla, e a terceira Mimosa da Caxigueira, de Xan das
Bouzas.
No concurso, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), participaron once exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades galegas. Presentacións e xornadas da área gandeira
Ademais deste concurso morfolóxico e as exposicións de distintas razas presentes todos os días, a área gandeira da feira acolleu onte presentacións e xornadas. Así, presentouse a Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (Ferampor), con representación da raza Porco Celta e das Gochu Asturcelta, Euskal Txerria, Porc Negre Mallorquí, Chato Murciano e Cocho Negro Canario. Ovica fixo o propio con dous novos proxectos: “Escola de pastores. Loita contra o despoboamento, a remuda xeracional e a profesionalización do sector ovino-caprino en Galicia” e o novo servizo “Testeo de machos”.
Ademais, a Plataforma de Porcino de Cría Tradicional realizou unha xornada sobre os retos e situación actual da produción de porcino con raza autóctona en sistemas semiextensivos en Galicia, mentres que Nudesa reuniu aos seus distribuidores nun encontro para aprender de manexo e alimentación de vacún, porcino e avicultura e coñecer ferramentas de vendas que lles axudarán no día a día cos seus clientes.
PUBLICIDADE
Ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, onte incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o XIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un morfolóxico de cabalos árabes con gran participación que continúa hoxe, e un taller sobre coidados do poni onde os nenos poden cepillalos, facerlles trenzados ou pasealos á corda. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega levouse a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial.
En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina ademais de actividades co Can de Palleiro, demostracións de agility (axilidade canina) e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, tanto por equipos como individual. Sumouse o monográfico do Club Español de Grifón Nivernés.

Por outra banda, comezaron as actividades sobre rodas. Onte foi a quenda do equipo Aitrick, composto polos portugueses Ricardo Santos e Diogo Ribeiro e o inglés Greg Rowbotttom, cos que volveu á feira a versión máis extrema do motocrós, o freestyle motocrós. A través dunha gran rampla, realizaron espectaculares acrobacias alcanzando distancias de 22 metros de longo e 12 metros de altura, como o superman, consistente en soltar o guiador da moto no aire e abrir os brazos en cruz, ou o backflip, o cal é un mortal cara atrás.
Salóns paralelos
As actividades relacionadas cos outros catro salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron este sábado. Así, en Turexpo Galicia e Festur celebráronse actividades relacionadas con festas de interese turístico, entre elas as demostracións das palilleiras de Camariñas ou degustacións de empanada de pescada o pincho e pan dos apóstolos, de Viveiro; de requeixo das Neves; de Xamón da Cañiza ou de tortilla de Laro, de Silleda.
Sumouse o IX Encontro de Creadores Dixitais de Turismo, que nesta ocasión contou con Wonderintravel, Galidrone, Galicia Angi Baldrich, No sin mis Zapas Wfabianchos, De un lado a Otro, Bea Onroad, Mil Recuerdos en mi Maleta, Walking el Mundo e Marce Rutas y Viajes.
En canto a Salimat Abanca, desenvolvéronse numerosas propostas, como demostracións de coctelería ou degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, onte con biscoito de queixo San Simón e touciño de Porco Celta, crema de espárragos e servizo de coctelería “Spritz atlántico” e “Brétema escura”, a cargo do IES Sanxillao.
Tamén houbo varias sesións da aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas “Galicia sabe Amar: pescada de pincho” e “Experiencias de Calidade” organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como a “Cata de viños brancos premiados nas Catas de Galicia 2025”. Así mesmo, destacaron os showcookings da Terraza Salimat, entre eles o protagonizado por produtos presentes na feira e a cargo de Alberto García Mosquera, do restaurante El Nigiri de Kontike. Sumáronse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stands, ademais do XI Encontro de Creadores Dixitais, no que participaron Paisano con Bigote, Pez Salvaje, Sen Paraxe, Culiito Inquieto, Rutas y Restaurantes, Desayuna Coruña, Las Recetas de Malena e Pasear Galicia.
PUBLICIDADE
En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, unha demostración de montaxe de moscas a cargo dos especialistas Gustavo Brea, Marcos Prado e Joaquín L. Quintás, e tamén a presentación de “Pesca de Guerrillas” e a demostración “Distancia e precisión na pesca con mosca”, ambas a cargo de Jesús Carmona-CLN. Ademais, intensificáronse as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.
Pola súa banda, na feira de beleza e estética Intermax Beauty Show, leváronse a
cabo onte varios talleres de técnicas de styling masculino e feminino con expertos do sector. Estes foron Silvia Garnil, director de Silgar Beauty, centro especializado en aparatoloxía avanzada e protocolos de alta eficacia; Alén, barbeiro que percorreu diferentes barbarías de España e docente en Formas Academy; e Jesús Vázquez, formador para marcas como Tahe ou Farmagan, gañador do premio Imaxe Galicia a
mellor colección masculina e segundo posto nos Premios Vanilla Valencia, ademais
de finalista en numerosas ocasións en Barbarías con Encanto. Sumouse Christian
Barber, campión de freestyle de barbaría en Galicia e a Golden Chair Internacional,
ademais de creador da batalla de barbeiros A Mariña Barber Battle. Ademais, este sábado o Beauty Show acolleu unha conferencia de Sonia Felpete, coach de imaxe.








Comentarios