Tal e como xa se informara dende o goberno, a empresa desistiu finalmente de ubicarse en Barrio do Campo
Laura Moure/Silleda
A empresa Plenoil presentou este venres no Concello de Silleda a solicitude de licencia para ubicar unha gasolinera nunha parcela nas inmediacións da EP-7201, na estrada que vai de Silleda a Forcarei. Tal e como xa informara o pasado mes de febreiro o alcalde, Manuel Cuiña, á veciñanza a empresa desistiu finalmente de ubicarse en Barrio do Campo, onde o proxecto despertou unha forte contestación veciñal e a oposición do goberno local.
A empresa tamén presentou xa os pertinentes permisos no organismo provincial, titular da citada estrada.
Dende o ano 2019, en que Plenoil proxectou inicialmente a gasolinera low cost en Barrio do Campo levaronse a cabo distintas accións xudiciais por parte do Concello e da veciñanza.
O goberno local, que se personou na causa, sempre mantivo que a ubicación, tan preto de vivendas e edificios, non era a axeitada e convidou dende o primeiro momento á empresa a buscar outras alternativas.
O Concello de Silleda, que seguiu en contacto cos veciños residentes nas inmediacións da parcela de Barrio do Campo dende que a empresa presentou o proxecto en outubro de 2019, alegou en xaneiro de 2021 contra a ubicación da gasolineira, aducindo entre outros a proximidade a vivendas.
Un mes despois, en febreiro dese mesmo ano, a Consellería de Medio Ambiente resolveu que non procedía a declaración de incidencia ambiental en base ao informe do Concello de data 14 de xaneiro de 2021 no que se advirtía que o uso solicitado non era complatible co Plan Xeral aprobado provisionalmente para o municipio de Silleda. “Sempre dixemos que non nos gustaba a ubicación proposta, moi preto de vivendas”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Commentaires