Responsables das vicepresidencias Primeira e Segunda así como da Consellería do Medio Rural mantiveron unha xuntanza para concretar novas liñas de traballo
Laura Moure/Xeral
A Xunta traballa nun plan de choque no marco da loita contra a avespa velutina que permitirá adiantar a retirada de niños ademais de incidir na divulgación, formación e investigación. As liñas básicas da iniciativa ultimáronse nunha xuntanza entre responsables da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural.
O plan remitiráselles nas vindeiras semanas aos sectores implicados na loita contra esta especie para que poida realizar as súas achegas e buscar así o máximo consenso e unión de esforzos nas medidas aplicadas.
Entre as medidas previstas figura o adianto da retirada dos niños, cunha campaña especial de actuación sobre os niños primarios, que son os primeiros en aparecer, e evitar así a súa expansión. Realizarase tamén un trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado, avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, dándolle así resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola avespa velutina.
Publicidade
O plan deseñado prevé ademais accións de formación, información e divulgación entre os efectivos que traballan na loita contra a especie, os profesionais afectados e o conxunto da poboación. A maiores, impulsarase a investigación científica para determinar o método de loita biolóxica máis axeitado para evitar a propagación.
No encontro para a elaboración do plan participaron vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o conselleiro do Medio Rural, José González, e os directores xerais de Administración Local, Natalia Prieto, de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro.
Publicidade
A iniciativa permitirá axilizar as actuacións na loita contra a avespa velutina ao tempo que se reforza a coordinación nos traballos e a sensibilización social ante a problemática que produce a especie no territorio.
Cómpre lembrar que a Xunta conta xa desde 2020 cun plan centralizado de loita contra a vespa velutina e de forma coordinada cos concellos -están adheridos practicamente a totalidade con 311 municipios- ofrecendo unha solución homoxénea na retirada e neutralización dos niños a través da empresa pública Seaga co obxectivo de reducir a presenza de esta especie invasora. Ademais, púxose á disposición da cidadanía a liña específica do Teléfono de Atención e Información 012 para comunicar a presenza de niños.
Publicidade
O plan de loita contra a avespa velutina avanza ademais cada ano coa implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía complementarias ás chamadas. Por exemplo, a aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final.
Комментарии