Pilar López Casal será a (in)visible de decembro en Silleda polo seu compromiso coas persoas maiores
- Laura Moure

- 16 dic 2025
- 2 min de lectura
O recoñecemento coincide coa conmemoración do Día contra a Soidade Non Desexada
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de elixir a Pilar López Casal como (in)visible do mes de decembro, un recoñecemento que coincide coa conmemoración hoxe, martes do Día Internacional contra a Soidade Non Desexada e que ten como obxectivo poñer en valor o traballo silencioso de persoas que contribúen a crear comunidade e a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Moi coñecida en Silleda pola súa longa traxectoria no sector da hostalaría, Pilar chegou ao municipio con tan só nove anos, onde medrou nunha familia numerosa e comezou desde moi nova a traballar de cara ao público. Tras pasar por distintos establecementos hostaleiros, estivo vencellada durante anos a locais emblemáticos da vila (primeiro en Victorino e despois en Toneles, e 2 Calles ) e mesmo chegou a rexentar o seu propio negocio, o Bar Berrinche, mantendo sempre unha relación próxima e directa coa xente. “Estou moi agradecida a todas as persoas que me axudaron e me animaron sempre, sobre todo en momentos baixos”, indica Pilar López, para quen estar ao lado das persoas maiores é “algo moi especial, xa que merecen todo o que se fai por eles e moito máis, traballaron moito por nós”.
Desde o ano 2016, Pilar López Casal exerce como voluntaria no Centro Social das Persoas Maiores de Silleda, onde colabora de maneira continuada na atención do centro durante as fins de semana e na organización de actividades e eventos, converténdose nun referente de apoio, escoita e acompañamento para moitas persoas maiores.
Publicidade
Este labor cobra especial significado no marco do Día contra a Soidade Non Desexada, unha realidade que afecta de maneira especial ás persoas maiores e fronte á que o Concello de Silleda vén desenvolvendo distintas iniciativas de sensibilización e apoio comunitario.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, salientou que “Pilar representa a esas persoas que fan comunidade desde a discreción, sempre dispostas a dar tempo e atención aos demais”. Fernández puxo tamén en valor “o seu compromiso continuado co Centro Social e coa loita contra a soidade non desexada, unha tarefa imprescindible para construír un concello máis humano”.
Publicidade
“Con este recoñecemento queremos agradecer non só o que fai Pilar, senón tamén visibilizar a importancia do voluntariado e do coidado das persoas maiores, que tantas veces sosteñen a vida social do noso concello”, engadiu a rexedora.
O programa (in)Visibles do Concello de Silleda busca dar protagonismo a mulleres que, co seu traballo cotián e o seu compromiso social, contribúen ao benestar colectivo e ao fortalecemento da rede comunitaria.








Comentarios