Laura Moure/Xeral
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, pediu este luns prudencia e responsabilidade ao volante na operación especial Primeiro de Agosto, que comezou o pasado venres 28 de xullo e que finaliza mañá, martes 1 de agosto ás 24:00 horas. María Rivas achegouse ata o Centro de Xestión de Tráfico, onde supervisou o desenvolvemento desta operativa na que se despregan máis de 200 axentes en toda a provincia e na que están previstos 285.250 nas estradas coruñesas, o 25% do total de Galicia que nestes día alcanzará os 878.000.
A subdelegada incidiu na necesidade de extremar as precaucións na condución nun mes que rexistra o maior volume de desprazamentos por estrada de todo o ano. Ademais informou que no que vai de ano nas estradas da provincia rexistráronse un total de 15 accidentes mortais con 15 vítimas falecidas, seis menos que no mesmo período de tempo do 2022. Rivas reiterou que cada unha destas vítimas supoñen un fracaso e “por iso o Goberno non escatima nin un só esforzo a combater esta sinistralidade mortal, con campañas de vixilancia e prevención que desenvolve ao longo de todo o ano”.
Concienciar
Neste sentido, a subdelegada lembrou as diferentes campañas desenvolvidas ao longo do ano desde a DXT para concienciar do uso de materiais reflectores aos usuarios vulnerables, a obrigatoriedade de levar posto o cinto de seguridade e a necesidade dun bo mantemento dos vehículos tanto particulares como de transporte colectivo ou comercial. Tal e como adiantou a subdelegada, durante a fin de semana produciuse a maior intensidade de desprazamentos aínda que é certo que tanto para a tarde deste luns como para o martes 1 de agosto espérase de novo un alto volume de tráfico nas principais estradas da provincia.
A maior afluencia de vehículos producirase hoxe entre as 18:00 e as 23:00 horas, onde a principal dificultade estará na entrada e saída dos grandes núcleos urbanos. Tamén para mañá, 1 de agosto prevese unha gran intensidade na circulación en sentido saída e entrada dos grandes núcleos urbanos polo comezo da tempada turística en hoteis e segundas residencias. As horas máis conflitivas produciranse entre as 8:00 horas e as 18:00 horas, polo que, na medida do posible o recomendable é evitar esa franxa horaria.
A subdelegada do Goberno na Coruña destacou a dispoñibilidade de medios desde a Dirección Xeral de Tráfico, co despregamento de axentes nas estradas, persoal dos Centros de Xestión encargados do mantemento de equipos e a instalación de medidas nas vías. María Rivas agradeceu o esforzo e o traballo que fan todos os equipos da DXT “co fin de garantir a seguridade e optimizar as estradas”.
Cámaras
Para esta operación en toda Galicia están activas 340 cámaras de vixilancia e 409 estacións de tomas de datos, sensores que, entre outras cuestións, miden as distancias entre vehículos e a ocupación da vía. Ademais tamén están en funcionamento 523 paneis de mensaxes variables que difunden mensaxes en tempo real sobre retencións, mostran recomendacións e outros aspectos para ter en conta para unha condución segura.
Estradas máis concorridas
María Rivas lembrou que a AP9, a A6 e a N-550 son as vías que rexistran durante estes días un maior volume de tráfico. Na presentación a subdelegada estivo acompañada polo director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez, pola Xefa Provincial de Tráfico, Vitoria Gómez e polo xefe do Subsector de Tráfico da Coruña, o capitán da Garda Civil, Miguel Soldán.
Comentários