top of page

Perde a vida en Vilamartín de Valdeorras un camioneiro que traballaba para unha firma de Melide

O accidente ocorreu hoxe e no mesmo tamén faleceu a condutora doutro dos vehículos implicados


Ecos da Comarca/Melide

Foto de arquivo.

Esta mañá produciuse un accidente de tráfico que se saldou, desgraciadamente, coa morte de dúas persoas. O accidente, tal e como informa o 112 Galicia, produciuse ao colidir un camión que cargaba porcos con dous coches. Un deles rematou debaixo do remolque do vehículo que transportaba animais, no punto quilométrico 464 da N-120, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense).


O condutor do camión faleceu e tivo que ser excarcerado polos servizos de emerxencias desprazados ao lugar dos feitos, ao quedar atrapado no interior do vehículo, que envorcou. O home, duns 50 anos, é veciño de Chantada, pero traballaba para unha empresa cárnica do municipio de Melide.


Tempo despois, a Garda Civil de Tráfico confirmou ao 112 Galicia, tras as comprobacións pertinentes, que a condutora dun dos coches afectados tamén estaba falecida. Os Bombeiros de Valdeorras utilizaron o material de excarceración para liberar o corpo sen vida da muller, veciña de Valdeorras e duns 40 anos. Tamén, retiraron da vía de circulación os porcos que cargaba o camión.


Ademais, noutro coche viaxaban tres persoas que resultaron feridas.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Varios particulares alertaron do accidente ao 112 Galicia, uns minutos antes das 7:00 horas desta mañá.


De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, dos Bombeiros e GES de Valdeorras, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación. Ademais, púxose a situación en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), para prestar apoio aos familiares das vítimas.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page