top of page

Perdóns vendo que para min non teño

Tribuna da candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno


Ecos da Comarca/Lalín


TRIBUNA

Deixamos por aquí unha tribuna da candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno.

Perdóns vendo que para min non teño

O sr. Crespo Iglesias, con máis anos vivindo da política dos que teño eu mesma, espertou o domingo coa ocorrencia de atacarme botando man de cuestións de nivel nacional. En concreto, pareceulle boa idea reclamarme a través de Facebook que pedise perdón polos efectos non desexados da coñecida como lei do “sólo si es si”.

Recoñezo que a min non se me ocorrería pedirlle ao alcalde a través dunha rede social (na que, por certo, me mantén bloqueada) que pida perdón por decisións ou leis nas que non puido intervir, nin artellar nada. Xogando ao mesmo, podería solicitarlle que pida publicamente perdón por votar en contra de dereitos e avances con firma socialista como o aborto, o divorcio, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a eutanasia...

Tamén por votar en contra de medidas deste Goberno como a suba das pensións aos nosos maiores, o aumento do salario mínimo, a reforma laboral que triplicou os contratos indefinidos en Laín ou pola noxenta campaña de igualdade da Xunta que culpaba ás mulleres da violencia machista. Falando de violencia machista, tamén lle podo reclamar a Crespo que pida perdón por pertencer a un partido que pacta e aspira a gobernar España con quen nega que a violencia de xénero tan sequera exista.

Podería seguir escribindo unha longa lista. Pero todo isto non ten nada que ver coa política lalinense. Eu polo de agora non teño competencias para lexislar no Congreso. Si que as tivo Crespo catro anos no Senado, pero non deu pau. Por non facer, non fixo nada nin pola rebaixa da AP-53 que agora tanto lle acorda. E iso que presidía a comisión de Fomento. Claro, o “presi”, daquela, era M. Rajoy e prefiriu manterse sumiso ao partido que velar polos intereses de Lalín.

O que si que precisan os/as lalinenses é que o Sr. Crespo lles pida perdón pola xestión que emana directamente da súa persoa e do seu equipo. Vostede si que debería pedir perdón por non facer nada en materia de igualdade, por nin sequera saber o significado de feminismo tendo unha concelleira nesta área cunha adicación a tempo completo, polo atraso de máis dunha década na ampliación do polígono, polo atraso do CIS, por endebedar Lalín novamente, por querer desfacer as Fragas de Casas Vellas, polos vertidos continuados aos nosos ríos...

Igual debería pedir perdón por utilizar este Concello e os cartos da veciñanza coma unha axencia de colocación para afíns, por utilizar recursos públicos en beneficio do partido, por olvidarse do rural os últimos 30 anos ou por ver como as políticas do PP desmantelan a sanidade do municipio no que vostede é alcalde e non facer nada.


En todo caso, alégrame ver que o único que teña para dicir da nosa candidatura sexa iso. Atacarme por algo que se xestou nun ministerio actualmente doutro partido político (no que non teño competencias) e no que o Partido Socialista xa está rematando o traballo para solucionar os efectos adversos desa lei.

Ocúpese de Lalín e dos problemas da veciñanza e deixe de facernos perder o tempo!

Alba Forno,

Candidata á Alcaldía de Lalín

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page