"Pepa Piruleta é un soño feito realidade. Sempre quixen emprender e ter o meu propio negocio"
- Laura Moure
- 2 feb
- 4 Min. de lectura
"Na nosa tenda o produto con máis movemento son as gominolas e os bocadillos, pero ampliamos mercado á decoración de eventos onde podemos conseguir a decoración da temática que o cliente nos pida"

ENTREVISTA BELÉN TABOADA BARROS, XERENTE DE PEPA PIRULETA
Laura Moure/Lalín
A quen non lle gusta unha lambonada?! Pois se te queres dar un capricho ou endulzar a alguén querido vas ter unha gran oportunidade en Lalín. Porque mañá abre unha tenda chea de cousas ricas. Falamos de Pepa Piruleta. Pero quen está detrás desta aventura? A súa xerente é a lalinense Belén Taboada Barros.
1. Que é Pepa Piruleta?
Pepa Piruleta é un soño feito realidade. Sempre quixen emprender e ter o meu propio negocio e dende hai uns anos dinlle moitas voltas a facer algo que tivese que ver cos eventos, porque a min a decoración de eventos gústame moito, pero o de montar unha organizadora de eventos así "da nada" non o acababa de ver, entón como a min me gusta moito a atención ao público e niso teño experiencia, decidín que o meu primeiro proxecto empresarial sería unha tenda de chuches e artigos de decoración de eventos. Isto permíteme non só vender chuches no día a día, senón tamén participar nos eventos dos meus clientes facendo bolsiñas de cumple, mesas doces, vendendo a decoración... Aínda que no tema da decoración é certo que en tenda temos moi poucas referencias de artigos, si que contamos con varios proveedores que en 48 horas nos suministran o que pidamos, co cal, se o cliente está pensando nunha festa temática ou personalizada, a través de nós pode conseguir todo o que queira!
2. Onde estades?
A tenda física está na Praza da Igrexa de Lalín, no número 15. Gustoume esa ubicación porque é o centro do noso pobo. Non só porque é un dos lugares con máis tránsito, senón tamén porque o lado ten o parque infantil con máis afluencia de crianzas e na propia Praza se levan a cabo moitos eventos. Ademais, gustoume moito este local porque ten unha parede de pedra que para min significa moito porque meu pai, que faleceu hai tres anos, era canteiro e sinto que así teño un pedaciño del na miña tenda.
Publicidade
3. Cando abrides?
Abrimos mañá, luns día 3 de febreiro a partir das 17:00 horas. É certo que aínda nos quedan alguns detalliños (sobre todo de decoración) para que a tenda estea ó 100%, pero como xa hai varias encargas para a semana que vén, decidín abrir e ir rematando o que falta xa coa tenda aberta para que a xente poida vir a recoller as súas encargas sen problema. E iso é algo que me gustaría agradecer, porque sen ter a tenda aberta son moitas as persoas que xa me piden encargas tanto para San Valentín como, por exemplo, para cumples de crianzas. Incluso teño algunha mesa doce xa para o mes de agosto! Estou moi agradecida pola boa acollida que tivo Pepa Piruleta, espero estar a altura
4. Por que ese nome?
Ó nome dinlle mil voltas porque buscaba que non fose só o nome do meu negocio, senón que tivese relación coa miña vida para poder unir a miña vida laboral coa persoal. Eu teño varias mascotas, entre elas as miñas amigas perrunas que para min significan moito, igual que o meu canciño, así que púxenme a probar nomes a ver cal soaba mellor. Chámanse Moncha, Roma, Pepa e Dhais así que a que máis me gustaba era Pepa (que é tamén a imaxe do logo, unha cadela de raza labrador). E un día, de casualidade, xurdiu Pepa Piruleta e xa quedou ese. A primeira opción era "As chuches de Pepa" pero a xente ía pensar que Pepa era eu e non me convencía (risas).
5. Por que decidiu emprender?
Sempre tiven na cabeza ter o meu propio negocio, non sabía cando ía a ser, pero sabía que acabaría montando algo. No último ano traballaba nunha oficina onde, aínda que coas compañeiras me levaba ben, sentía que non era o meu lugar entón dixen "é o momento".
Publicidade
6. Que ofertades?
En Pepa Piruleta o produto con máis movemento son as gominolas e os bocadillos, pero ampliamos mercado á decoración de eventos onde, como xa dixen antes, podemos conseguir a decoración da temática que o cliente nos pida. Logo tamén temos outros produtos que nos caracterizan, xa que en colaboración con Aida Soto, da Panadería Mazás de Piloño (Vila de Cruces), teremos unhas minitartas de ración individual que se chaman "Pepa's". Estes doces son de sabores variados, hainos de lotus, de gominola, de Kinder Bueno... E veñen cunha pequena culler de regalo porque son tan irresistibles que sabemos que os clientes non van dar esperado a chegar a casa para probalas! Tamén vendemos as xa coñecidas cookies de Panadería Mazás, e moitas cousiñas que iremos argallando co paso do tempo! Gustariame tamén aprobeitar e darlle as grazas a todas as persoas do meu entorno que me axudaron a que Pepa Piruleta vise a luz. A miña nai e a miña irmá porque sempre están do meu lado e ó meu marido porque sempre me fai crer que son capaz de todo o que me propoño! E por suposto, as miñas amigas currantas que pasaron horas e horas na tenda axudandome a montar mobles! E a vós, Ecos da Comarca, por darme un espazo no que darme a coñecer!
Comments