Coego, José Mouriño, Román Varela, Dani Fernández e Pablo Laya logran que a Comarca Terra de Melide gañe o concurso de cociña Come a Comarca da Televisión de Galicia
Coego, Mouriño, Varela, Fernández e Laya durante a competición en Come a Comarca.
Laura Moure/Melide
O bo facer dos cociñeiros de Melide demostrouse no programa Come a Comarca da Televisión de Galicia que emitiu o pasado mércores a gran final. A Comarca Terra de Melide foi a gran gañadora fronte á Terra Chá. Foron programas moi interesantes onde se viron a estes profesionais sendo eles mesmos, pero onde as emocións estiveron a flor de pel. Os melidenses viñeron para á casa con 15.000 euros e tamén cheos de satisfacción e orgullo por deixar á comarca no máis alto.
Durante as Batallas do Come á Comarca competiron 16 equipos comarcais, representados por cinco cociñeiros cada un. Todos os menús tiñan que ser feitos a contra reloxo e un xurado era o encargado de valorar a cata a cegas, sen saber se a cor azul ou vermella pertencía a un ou a outro equipo. Pedro Coego, do Recuncho do convento, estivo á fronte dos melidenses e sumáronse ao seu equipo, o reposteiro Román Varela, da Pastelería Trisquel; José Mouriño «Novita», de A Cantina de Eleu e os cociñeiros melidenses Pablo Laya e Daniel Fernández. Cabe mencionar que Coego, Varela e Mouriño son naturais do municipio veciño de Agolada. Estes magníficos profesionais fixeron que estiveramos pegados ao televisor para ver a emocionante final.
"O mellor da experiencia, dende logo foi o equipo cos catro compañeiros. Fixemos un moi bo grupo, onde todos aportabamos cousas e dabamos solucións en momentos complicados. Nunca cociñaramos xuntos e a verdade e como se levásemos toda a vida", sinala Pedro Coego. Tamén se queda coa parte positiva de coñecer a outros profesionais da hostalaría doutras comarcas de toda Galicia. Pero como en todas as experiencias sempre hai algo menos bonito. "O que peor levei no meu caso, foron os momentos antes das votacións, xa que era unha situación que che propicia nervios e estrés, pero o final sempre valía a pena". Esta competición estivo marcada polos nervios, a tensión, pero tamén pola ilusión, a motivación e o apoio de moita xente. "Cando vas a concursar e competir, sempre vas e soñas coa idea de gañar. Sabiamos que era complicado porque o resto dos equipos tamén eran fortes. Ía estar moi reñido e o que gañase sería por pequenos detalles. É así foi", confesa Coego.
Tras esta vitoria, e tras a apertura da hostalaría, toca volver aos fogóns e a seguir preparando os mellores pratos, xa que este premio, só recalca o que xa a súa traxectoria deixaba claro desde hai anos.
Mouriño, Coego e Varela foron recibidos esta semana no consistorio melidense.
Comments