top of page

Pedro Branco pide non baixar a garda no verán tras a caída da sinistralidade viaria en Galicia

Destaca a tendencia á baixa dos falecementos en accidentes nas estradas galegas, cun descenso do 26% no primeiro semestre de 2025


Ecos da Comarca/Xeral

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, chamou a non baixar a garda durante o verán e seguir consolidando a tendencia á baixa dos falecementos nas estradas de Galicia, nun período no que aumentan de maneira moi notable os desprazamentos. Fíxoo durante a presentación da Operación Verán 2025 da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia. Estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a xefa provincial de Tráfico da Coruña e coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez Dobarro; o responsable do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste-Cantábrico, Bruno Deschamps, e xefe da *Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira.


Pedro Branco puxo en valor o descenso continuado e progresivo dos falecementos nas estradas de Galicia, subliñando a baixada do 26% interanual (de 50 a 37 persoas falecidas) nas vías interurbanas comparando os datos do primeiro semestre do 2024 cos do ano actual. O delegado fixo fincapé na importancia deste fito pois, mentres que no ano anterior a tendencia era de subida, nada menos que nun 32%, "os datos do 2025 evidencian que investimos a tendencia contabilizando 13 persoas falecidas menos”.

O delegado insistiu na importancia que tivo para este cambio de tendencia o plan de choque posto en marcha polo Ministerio do Interior o pasado verán, cuxa liña se mantivo o resto do ano e tamén nestes últimos meses. “Tiñamos inquietude polo que podería suceder no verán pasado, pero hoxe son palpables os resultados daquel plan de choque e mesmo aqueles meses de xullo e agosto confirmaron que estabamos a facer as cousas ben”, expuxo Pedro Branco.


Neste sentido, Pedro Branco felicitou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a todas e todos os traballadores da DXT en Galicia, pois foi a segunda comunidade autónoma onde máis caeu a sinistralidade. Por provincias, onde máis baixou foi en Pontevedra, cun descenso do 60%, seguida de Ourense, onde descendeu un 25%, para finalizar coa Coruña, cun 14,3% menos. Lugo mantivo as mesmas cifras.


Son precisamente estes esperanzadores “datos” os que permiten “unha revisión das previsións e retos para esta campaña que hoxe nos ocupa, aínda que coa meta sempre posta na redución dos accidentes e dos falecementos, empregando as ferramentas da prevención e da concienciación”. Neste campo, Pedro Branco destacou a especial sensibilidade que se debe ter cos chamados ‘usuarios vulnerables', aqueles que están máis expostos a lesións graves cando se produce un accidente, como os motoristas ou os peóns.


“Este tipo de usuarios das vías representaron o 30% dos falecidos nas estradas este ano, unha cifra máis baixa que a que se extrae do 2024, cando alcanzaron o 42%”, indicou o delegado, que trasladou o compromiso do Goberno para seguir protexendo con especial sensibilidade a estas persoas. En paralelo, insistiu tamén na prudencia na velocidade e no consumo cero de alcol e outras sustancias contraindicadas cando se vai a conducir.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Operación Verán 2025

As previsións para esta primeira operación saída do verán falan de que serán 405.000 vehículos os que se desprazarán nas estradas de Galicia entre o venres e o domingo, fundamentalmente nas provincias atlánticas. A estes desprazamentos hai que sumar aqueles movementos máis curtos, milleiros, que se realizan diariamente para ir ás zonas de praia ou lecer.


“Como todos os anos, pedimos precaución —apuntou Pedro Branco—, apelando a que as e os condutores planifiquen as súas viaxes, extremen o coidado ao volante e tamén os percorridos polas beiras das estradas, porque a seguridade viaria non pode tomar vacacións”. O delegado insistiu en que o importante é chegar ao destino, “sen ter en conta o tempo que nos leve” e sen tomar ningunha mala decisión “que nos impida gozar do noso lecer e descanso”.


Para verificar a seguridade de todos estes condutores e condutoras, a Operación Verán 2025 de Tráfico contará con 700 gardas civís, 63 operadores do centro de xestión, 216 radares, 291 estacións de toma de datos, 45 meteorolóxicas, 359 paneis de mensaxe variable e 275 cámaras de vixilancia, ademais do helicóptero Pegasus.


Publicidade

A través de todos estes efectivos persoais e materiais, levarán a cabo dúas campañas especiais de vixilancia nos meses de xullo e agosto. En concreto, entre o 14 e o 20 de xullo haberá unha campaña especial de control de alcol e drogas, e do 4 ao 10 de agosto, unha campaña de control de velocidade. Con respecto aos colectivos vulnerables, seguirase durante todos os fins de semana do verán con campañas e accións preventivas especificas para motoristas e peóns, nunha actividade xa comezada en meses pasados.


Xunto a estas campañas específicas a vixilancia intensificarase nos momentos clave do verán: fins de semana, cambios de quincena e de mes e nas pontes do 25 de xullo  e do 15 de agosto.

Komentarze


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page