A actual alcaldesa de Silleda ocupará tamén un posto na Comisión de Política Territorial e na Comisión de Mocidade e Infancia
Laura Moure/Silleda
A súa formación técnica, así como a experiencia demostrada na implantación da Axenda 2030 tanto a nivel provincial como a nivel local foi decisivo para que o PSOE optase pola silledense, Paula Fernández Pena (actual alcaldesa deste municipio) para ser membro da Comisión de Vivenda e Axenda Urbana no Congreso dos Deputados. Na súa elección pesou o feito de que dos tres proxectos galegos que optaron o ano pasado ás axudas do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, a silledense participou no desenvolvemento de dous deles, o concedido á Deputación de Pontevedra e ao do Concello de Silleda; e é por
iso que, no marco desta comisión encargarase da portavocía adxunta de Axenda Urbana na que poderá utilizar esta experiencia previa.
Formar parte desta comisión e ostentar ademais unha portavocía adxunta abre novos horizontes para as e os silledenses. “Vou ter a oportunidade de traballar man a man co Ministerio, o que estou segura que nos vai a permitir explorar novas vías para a consecución de melloras en materia de vivenda” mentres recoñece que Silleda necesita “máis vivendas a prezos de mercado accesibles e un mercado de alugueiro viable se queremos continuar fixando poboación”.
Publicidade
Ademais desta portavocía, a rexedora socialista formará tamén parte da comisión de Política Territorial, un órgano no que se regulan as políticas en materia de relacións e cooperación entre o executivo nacional, as comunidades autónomas e as entidades locais, polo que estará na toma de decisións de asuntos de gran calado como o financiamento local.
Publicidade
Por último, estará tamén na comisión de Mocidade e Infancia, estreando esa nova responsabilidade esta mesma semana, na que terá que exercer o seu voto para debater entre outras cuestións sobre a rebaixa do dereito a voto aos 16 anos ou a situación das persoas mozas migradas soas.
Comments