Tamén tomou posesión como novo concelleiro Manuel Requeijo Rey
Laura Moure/Silleda

A Corporación Municipal de Silleda celebrou este luns un pleno extraordinario no que a socialista Paula Fernández Pena asumiu o cargo de alcaldesa. Faino despois de que Manuel Cuiña dimitise como mandatario e concelleiro para ocupar o posto número seis na lista do PSOE pola provincia de Pontevedra nas vindeiras eleccións autonómicas.
Publicidade
Cabe mencionar que os dous concelleiros do BNG, Erea Rey e Xerardo Díaz, non asistiron ao pleno. O motivo de non acudir explícano no seguinte vídeo:
Tamén hoxe tomou posesión como novo concelleiro Manuel Requeijo Rey. Os interesados poden ver todo o pleno no seguinte enlace: https://www.instagram.com/reel/C2ZqIUbN4dZ/?igsh=enExd240aGI3aXVt&fbclid=IwAR3_kLTDbbgOFoWZXOVMzs0nb1Z9nzGRh87Fq2EFyiKmH0SiY2kzI-ZNWPQ
Publicidade
Paula Fernández Pena, naceu en Silleda o 29 de xaneiro de 1971, é aparelladora e política galega. Diplomada en Arquitectura Técnica pola Universidade da Coruña, no 2007 decidiu introducirse na vida política presentándose como independente polo PSdeG-PSOE ás eleccións á Alcaldía de Silleda, converténdose finalmente en alcaldesa de dita vila.
O 19 de outubro de 2009, unha moción de censura presentada por 5 edís elixidos nas listas do PPdeG xunto con 2 tránsfugas do PSOE arrebatoulle a Alcaldía, para outorgarlla a Ofelia Rey Recimil, concelleira tránsfuga do PSdeG-PSOE.
Publicidade
De novo, o 22 de maio de 2011 volveu ser elixida alcaldesa do concello de Silleda co 47,11% dos votos e con 6 concelleiros. Para gobernar con maioría pacta con Matías Rodríguez da Torre do BNG, que entrou a formar parte do goberno municipal ata a rotura de dito pacto en marzo do 2013. En xuño dese ano foi elixida senadora por designación autonómica en substitución de Pablo García, abandonando a alcaldía silledense, sendo substituída no cargo por Manuel Cuíña Fernández. Mantivo a súa acta de senadora ata xuño do 2015.
Mantívose como Secretaria Xeral do PSdeG en Silleda. Ocupou cargos de confianza na Deputación de Pontevedra, chegando a ser xefa de gabinete da presidenta Carmela Silva. Dende xaneiro de 2018 é vicesecretaria xeral do PSdeG na provincia de Pontevedra, renovando tralo congreso de febreiro de 2022. Tamén é Secretaria de Reto Demográfico na Executiva Nacional do PSdeG.
En xullo de 2021 regresou como concelleira en Silleda, trala renuncia dun compañeiro, facéndose cargo da concellería de Urbanismo. En xaneiro de 2024, logo da dimisión do alcalde, Manuel Cuíña, quen se presentaba nas eleccións ao Parlamento de Galicia, volve ser alcaldesa de Silleda.
Comments