"Para min a música é unha vía de saída a aquilo que che custa expresar ó mellor cunha frase sinxela"
- Laura Moure

- 30 abr 2023
- 4 Min. de lectura
"O uso do galego é vital, non hai que perdelo xamais, cos seus dialectos e con todo o que o engloban. Encántame escoitar por Madrid á xente galega facendo uso do idioma"
ENTREVISTA A CHRISTIAN PENSADO RECAREY, ARTISTA DE MAZARICOS QUE ESTREA HOXE UN DOS SEUS TEMAS MUSICAIS

Laura Moure/Xeral
Hoxe conversamos con Christian Pensado, un artista de Mazaricos que reside actualmente en Madrid, porque nos gusta apoiar ás novas promesas. Moitos xa o coñeceredes porque foi concursante do concurso Recantos do programa Luar da Televisión de Galicia. Hoxe, 30 de abril, é un día moi especial para el xa que estrenou o seu tema La Bestia.
1. En poucas palabras, como defines este EP?
Defínoo realmente coma unha nova era na que atopei o son e o estilo musical co que realmente me defino e que me representa, no cal eu estou totalmente cómodo e o cal influeu na miña adolescencia a base de escoitar artistas ou grupos que facían temas deste estilo musical.
2. Fálanos do tema La Bestia que podemos escoitar dende hoxe.
La Bestia é unha canción poprock que conta e intenta transmitir unha historia persoal de deixar todo o malo atrás, unha mala época, unha mala experiencia e incluso, unha desilusión amorosa. De rexurdir dun pozo no que non podías saír sen axuda dos amigos de sempre e incluso, axuda profesional, en resumo, unha historia de superación.
3. Onde o podemos escoitar?
Pois a verdade é que está dispoñible dende hoxe, día 30 de abril, en tódalas plataformas dixitais, e vai acompañada dun videoclip que se poderá ver en YouTube.
4. E xa nos adiantas que neste EP tamén haberá algún tema en galego. Ti como galego que agora reside en Madrid, supoño que é importante o uso do noso idioma.
Por suposto, encántame facer música da terra, con meu selo propio, pero en Galego. Xa no 2019 fixen un tema íntegro en galego, adicado á miña avoa Aurora, que era natural de Vilardomato, no concello de Zas. E desta vez, haberá tamén música en galego neste EP, que vai levar tamén un título moi especial para min, que todo aquel que me coñeza un pouco saberá o por qué do mesmo, que ademais, como adianto, é o título dunha das cancións que o compoñen. O uso do galego é vital, non hai que perdelo xamais, cos seus dialectos e con todo o que o engloban. Encántame escoitar por Madrid á xente galega facendo uso do idioma, é máis para nós, os galegos que residimos fóra, é un orgullo inmenso ver que cando nos atopamos coa xente da terra, xa nos sae automaticamente falar galego, e iso é unha auténtica satisfacción. Eu, por exemplo, cos meus compañeiros de traballo que son do noso lar, falo galego, e no día a día o 90% do tempo, tamén, con seseo e con gheada, como o aprendín e como sempre o escoitei dende neno, cunha identidade propia sendo de Mazaricos, ou mellor dito, Masaricos, jaja. En definitiva, para min, é a mellor lingua de todas, sen despreciar a ningunha.
5. Ti xa te fixeches un oco nas casas de todos os galegos os venres polas noites, xa que no 2016 participaches no concurso de Recantos do Luar. Como foi a experiencia?
Foi absolutamente incríble, vivina ó máximo. A verdade e que levaba xa uns anos intentando ser seleccionado, pero non había sorte, pero xusto no 2016 a base de non desistir, conseguino. Aportoume infinidade de cousas boas, de momentos que xamais se me van borrar da retina, e de anécdotas que podería estar contando un día enteiro. É verdade que non gañei, pero da experiencia de Recantos, lévome o mellor dos premios, amigos de verdade e para toda a vida, o apoio incondicional da xente da Costa da Morte e de fóra da Costa da morte e sobre todo, moita visibilidade como artista emerxente que son.
Abreume moitísimas portas no mundo artístico, sobre todo na verbena, da cal sempre desfrutei dende abaixo do escenario ou do palco.
6. Gustaríache volver repetir?
Por supostísimo que si, encantaríame, volvería cos ollos pechados e sobre todo volvería a repetila experiencia cos mesmos compañeiros que tiven no concurso, porque como xa dixen antes, leveime a moitos deles como amigos para toda a vida. É unha experiencia que é tan reconfortante, que ogallá volver a vivila mil e unha veces.
7. Que significa para a ti a música?
Para min é unha vía de saída a todo aquilo que che custa expresar ó mellor cunha frase sinxela. Hai temas que che fan chorar, outros que che fan rir, outros que che fan virte arriba totalmente estando nun momento álxido de festa; pero toda a música che transmite algo nun momento concreto da nosa vida. Pero por exemplo, compoñer, para min, é plasmar nunha canción por exemplo, tódolos sentimentos e vivencias coas que despois de soltar todo o que tes gardado te sintes máis cómodo e a gusto. Sen a música non podería vivir, non me imaxino un día sen escoitar algunha canción ou algunha banda sonora. É totalmente vital.
8. É complicado facerse un oco neste mundo e poder dedicarse a isto?
Si, evidentemente. Require de moito esforzo, de moito estudo e traballo sobre todo. Tamén hai que ter un pequeno golpe de sorte, pero como di o dito, "o que algo quere, algo lle costa", e no mundo da música ou do artisteo, máis. Non dan nada "regalado", e menos cando non lle pos empeño e non loitas por facer realmente algo que se poida mostrar coma unha carta de presentación, ou coma un produto rematado á perfección. Pero en conclusión, non é nada doado, e é algo no que non hai que renderse, hai que loitar día a día e dar o máximo de cada un tódolos días da nosa vida.
9. Con que artista che gustaría facer un dueto?
Pois a verdade é que sería un pracer inmenso facer un dueto con Andrés Suárez, Irene Caruncho ou Tanxugueiras, por exemplo, son artistas da terra ós que admiro polos seus traballos e pola marca de identidade que teñen cada un tanto nas súas voces coma nos seus temas.







Comentarios