top of page

Palas, Antas e Monterroso reciben axudas para fomentar a igualdade e previr a violencia de xénero

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A Consellería de Emprego e Igualdade achegará case un millón de euros a 57 concellos da provincia de Lugo para tal fin


Laura Moure/A Ulloa

A Consellería de Emprego e Igualdade achegará case un millón de euros (988.914 euros) a 57 concellos da provincia de Lugo para levar a cabo accións encamiñadas a fomentar a igualdade e a previr a violencia de xénero, entre estes figuran Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla.


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informaron hoxe da resolución desta orde de axudas, que, segundo destacaron, chegarán ao 85% dos municipios lugueses. Esta colaboración permite impulsar medidas de igualdade no ámbito local, co dobre obxectivo de contribuír a que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades e avanzar na erradicación da violencia de xénero.


Ao abeiro desta convocatoria, o goberno galego financia actuacións de catro programas. A maior contía vai destinada ao funcionamento da rede de Centros de Información á Muller (CIM), integrada por 11 centros (Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela) que dan cobertura a 37 concellos.


As axudas concedidas para o mantemento dos CIM suman preto de 570.000 euros e permitirán soster 29 postos de traballo de persoal de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e axentes de igualdade. Os dous responsables autonómicos salientaron que a Xunta atendeu todas as solicitudes presentadas polas entidades locais para soster estes centros.


Outra das liñas destina 282.338 euros a financiar accións de fomento da conciliación en 23 concellos: O Corgo, Outeiro de Rei, Castroverde, Rábade, Guntín, Xove, Ourol, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Xermade, Guitiriz, Muras, Pol, Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Sober, O Saviñao, Becerreá, Baralla, O Incio e Sarria.


En canto ao programa orientado á posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, na convocatoria deste ano destínanse 124.900 euros para 24 entidades locais con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Os concellos beneficiarios son Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Xove Becerreá, A Fonsagrada agrupado con Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, Pol, A Pastoriza, Cospeito, Antas de Ulla, Palas de Rei, Xermade, Begonte, Carballedo, Folgoso do Courel, Sober, Portomarín, Rábade, Paradela e Sarria agrupado con Láncara.


Por último, na liña orientada a financiar programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, a Xunta concedeu 12.000 euros ao concello de Guitiriz. López Abella e Arias salientaron que todas estas medidas teñen por obxecto fomentar a igualdade desde o ámbito municipal, que resulta idóneo por ser o máis próximo á cidadanía e coñecer a situación específica da súa poboación.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page