top of page

Paco Vilariño critica o “modelo arcaico” de mobilidade urbana do PP “contra os peóns”

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O BNG de Lalín convida a Crespo a “deixar a soberbia e a hipocresía” e comezar a “gobernar para a xente”


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín critica que a Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (Edil) para o deseño dunha nova mobilidade no casco urbano obedece a un “modelo arcaico” co que o goberno do PP vai a condenar á veciñanza de Lalín a seguir vivindo en espazos pensados “contra os peóns”. O voceiro municipal, Paco Vilariño, asegura que á vista do proxecto que está a elaborar o goberno de Crespo “o único que nos queda claro é que non ten un proxecto, e sobre todo non ten un proxecto de casco urbano amable, sostible e centrado no benestar e a calidade de vida das veciñas e veciños”.


Segundo os detalles que teñen transcendido do proxecto de casco urbano do PP lalinense, Vilariño sinala que “o único que teñen claro é que queren centralo todo na tolemia da Gran Praza” o que na práctica do proxecto se traduce en que Lalín seguirá a ter un casco urbano “con humanización real 0”. Sinala o voceiro nacionalista que “lonxe de centrar a mobilidade do centro de Lalín na xente, o que fai o señor Crespo é apostar por plataformas que garantan en todo caso o tráfico de vehículos polas rúas do centro”.


O BNG de Lalín lémbralle ademais ao goberno local que en rúas como Pintor Laxeiro, Alcalde Ferreiro, rúa B, etc “non poden agardar máis” por obras de mellora pola “situación deplorable” na que se atopan. O BNG ten recollido numerosas denuncias da veciñanza polo estado “lamentable” destas vías e ten denunciado e demandado solucións en numerosas ocasións no Concello.

Paco Vilariño acusa ao goberno de Crespo de “hipocresía e soberbia” no deseño “unilateral” dunha suposta nova mobilidade sostible para o casco urbano “de costas á veciñanza” e cun proxecto que “sabe perfectamente que non vai mellorar o modelo de mobilidade de Lalín”. O voceiro nacionalista sinala que “non ten sentido” priorizar as plataformas para que pasen os coches polo centro da vila e “vendelo como unha humanización”. Á vista do proxecto, o que ten claro o BNG é que o PP aposta para Lalín por “un modelo arcaico, contra os peóns”.


Lembra o voceiro nacionalista os problemas de accidentes e caídas de veciñas e veciños que padecen as lalinenses “polo estado deplorable de moitas rúas do casco urbano”. Situacións que, segundo Vilariño, “non poden seguir agardando polos prazos sen concretar do señor Crespo”. Tampouco o novo modelo que plantexa o PP de Lalín vai contibuír a mellorar a seguridade viaria, xa que segundo advirte o voceiro municipal “as plataformas só crean máis inseguridade para os peóns”, como acontece actualmente en varias rúas do casco urbano.


Vilariño convida unha vez máis ao goberno de Crespo a buscar “modelos exitosos” como o que desenvolveu o BNG en Pontevedra e que agora mesmo é “o espello no que se miran concellos de todo o país e de distintas cores políticas”. O resultado deste modelo de mobilidade nas vilas aplicado polo BNG está a demostrar “un éxito en seguridade viaria, desfrute e benestar da veciñanza e prosperidade do comercio local”. As zonas peonís e sen tráfico de todas as vilas e cidades son “os espazos onde se ubican os mellores e máis

prósperos comercios locais”, advirte Vilariño, “son zonas revalorizadas e dinamizadas cun espectacular incremento da calidade de vida”.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Despilfarro e negocio de costas á xente

O modelo de casco urbano do PP segue a ser, segundo Paco Vilariño, “o do negocio e o despilfarro da Gran Praza para seguir facendo ricos aos amigos”, un modelo que o BNG de Lalín critica tamén por “inconcreto, falso e a antítese da mobilidade sostible e humanización” que practican a maioría de concellos con visión de futuro en todo o país “menos Lalín”.


Diante desta “falta de modelo urbano” do PP lalinense, o BNG demanda ao goberno municipal que dunha vez por todas “deixe a soberbia e empece a gobernar coa xente e para a xente”. Critica Vilariño que o PP lalinense “nin sequera intentou consensuar co resto de grupos da oposición un deseño do modelo de mobilidade futuro para Lalín”, unha cuestión crucial para o desenvolvemento sostible do noso concello. Tampouco se dignou o goberno de Crespo a “falar e consultar á veciñanza”, abrindo canles de participación das veciñas e veciños para que sexan eles os que aporten as súas vivenzas e demandas de mobilidade do casco urbano.


Vilariño convida a Crespo a que “deixe de gobernar de costas á xente”, e deseñe un plan de participación e transparencia que permita aos veciños e veciñas “ser parte do deseño dos espazos nos que viven”.

Komentáře


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page