top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Os Xenerais da Ulla celebran este ano o Entroido a través de internet


Laura Moure

O Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013,

suspendeuse este ano por mor da pandemia. A previsión era que tería lugar nuns 25 lugares e parroquias de oito municipios da Comarca da Ulla que asumen directamente a súa promoción: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Sen embargo, os oito Concellos decidiron centrar os esforzos na mellora da visibilidade on-line, maximizando a publicación en redes sociais e, sobre todo, coa publicación dun novo site, dispoñible no enderezo www.xeneraisdaulla.gal . A nova web destaca pola súa calidade visual, cun deseño adaptado ás novas tendencias que mellora notablemente a experiencia de usuario. Inclúe ademais actualizacións e melloras substanciais na súa programación, seguridade on-line, optimización para

buscadores e adaptación a distintos soportes.


A presentación desta nova web de promoción conxunta deste Entroido intermunicipal coincide coa chegada das datas centrais do Entroido, nas que ademais os Xenerais da Ulla acompañarán con coplas e atranques en versión dixital, a través das redes sociais, adaptándose as circunstancias actuais e permitindo que o Entroido poda celebrarse de xeito virtual. Cos avances na difusión en liña do Entroido dos Xenerais da Ulla os oito Concellos implicados na promoción desta celebración veciñal tratan de seguir garantindo a supervivencia desta singular tradición, que remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.


As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011. Para esta edición 2021, e en concreto para o lanzamento do novo sitio web, contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.


Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en

www.xeneraisdaulla.gal e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.


As datas dos Xenerais en Touro, Silleda e Vila de Cruces son:


En Touro: xa se celebrou o pasado 5 de febreiro a Feira de Entroido, o pasado día 7 en Bama e o 16 será a quenda de Fao.


En Silleda o pasado día 6 foi en Lamela e o día 13 será na Bandeira.


Por último, en Vila de Cruces o día 7 foi en Merza, este domingo, 14, terá lugar en Piloño e o 21 tocaralle a Salgueiros.


Pero iso, remarcar que son actividades virtuais en todos os lugares.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page