Hai prazas limitadas e terá un custe de seis euros, pero o autobús, que sairá desde Souto, será gratuíto
Laura Moure/Toques
Os veciños de Toques poderán asistir o 23 de abril, ás 17:00 horas, ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ir ver a obra de teatro Terceiro Acto. Durante a saída, as medidas sanitarias actuais serán tidas en conta para acadar unha actividade segura.
A actividade ten un custo de seis euros, a razón da propia función teatral, pero o transporte é gratuíto para os participantes, que deberán presentarse en Souto (Toques) para coller o autobús.
As prazas están limitadas, polo que é necesario que os interesados se anoten vía telefónica, chamando ao Concello (981 505 826).
Terceiro Acto está dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez. A sipnose desta obra resúmese en que un grupo de actrices e actores veteranos reúnense clandestinamente pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Nesta noite revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para reconciiliarse co que xa non está, á vez que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos, analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa da vida. É unha peza á vez cómica, sombría e fermosa. Un poema escénico sobre a memoria e os soños; un exorcismo, unha celebración da vida e do teatro.
O elenco fórmano Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha “Tatán”.
Os actores desde o balcón do Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Bình luận