Os seleccionados comezaron xa este xoves a traballar, en virtude do convenio coa Consellería do Medio Rural para a prevención e defensa de incendios
Laura Moure/Silleda
Os tres condutores de vehículos motobomba que resultaron seleccionados no proceso realizado en semanas pasadas polo Concello de Silleda realizaron en días pasados xornadas de formación en colaboración co Parque Intercomarcal de Bombeiros de Silleda.

Os operarios comezaron xa este xoves a traballar, cun contrato por un periodo de tres meses, tal e como establece o convenio de colaboración asinado entre o Concello de Silleda e a Consellería do Medio Rural, en materia de prevención e defensa contra incendios.
Con estas contratacións increméntase tamén as dotacións contra o lume. O Concello de Silleda conta dende 2017 cun novo vehículo motobomba cedido pola Xunta, que estará xunto con estes efectivos a disposición do Distrito Forestal de Deza-Tabeirós durante os próximos meses. Deste xeito, dende o Concello de Silleda continúase a colaborar con outras administración na prevención e defensa dos incendios forestais.
Aprol rural
Por outra banda, tamén veñen de incorporarse nos últimos días dúas persoas ás tarefas de limpeza, ca aportación da Consellería de Emprego e Igualdade dunha subvención para o fomento do emprego no medio rural (APROL Rural).
Trátase de dous contratos de peón forestal durante un periodo de nove meses. A selección realizouse como en anos anteriores a través da Oficina Pública de Emprego. Estas dúas novas incorporacións virán a reforzar o traballo nos departamentos municipais, realizando distintas tarefas de mantemento.
Comments