Laura Moure/Arzúa
O goberno local do concello de Arzúa, - Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE- anunciou este venres o inicio dunha campaña de traballos arqueolóxicos no xacemento arqueolóxico do Castro Curbín a partir do vindeiro luns, 13 de setembro. A actuación intégrase dentro do programa de intervencións para a investigación, conservación e posta en valor de xacementos arqueolóxicos significativos da Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolverase ao longo deste mes de setembro.
O grupo de investigación “Sincrisis” da Universidade de Santiago de Compostela será o encargado da realización destes traballos, trala súa adxudicación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Arzúa.
Trátase dun poboado fortificado formado por un recinto único de planta lixeiramente ovalada, delimitado e defendido por unha muralla e un foxo que rodea esta e que presenta un excelente estado de conservación. Está catalogado no Plan xeral de ordenación municipal de Arzúa como un espazo ordenado para a investigación arqueolóxica e a revalorización social. De feito, o Concello de Arzúa conta cunha área natural de lecer neste xacemento arqueolóxico que limpa e roza periodicamente. Está sinalizado con paneis informativos e sinais direccionais e conta cun valado de madeira no perímetro exterior para impedir o acceso con vehículos motorizados ao recinto e, desta maneira, protexelo.
Asemade existen algunhas mesas, bancos e papeleiras de madeira para uso das persoas que o visitan. O castro mantense en bo estado de conservación grazas ás anteditas medidas de protección e mantemento que realiza o Concello de Arzúa que nos últimos meses e a través da Concellaría de Turismo que dirixe Begoña Balado desenvolveu un proxecto de mellora e conservación do lugar que realzou a súa imaxe e posta en valor.
A proximidade do castro co Camiño de Santiago, tanto o trazado do Camiño Francés, como o Norte, pola Costa, é privilexiada para a súa posta en valor, xa que non só permite que a poboación local coñeza e disfrute do castro, senón que posibilita que transcenda tamén ás rutas xacobeas, feito que pode ofrecer notables vías para o seu desenvolvemento social, económico e patrimonial.
Nesta campaña de 2021 tense previsto realizar traballos que incluirán unha prospección xeofísica e sondaxes arqueolóxicas e posta en valor do Castro Curbín, de cara avanzar no estudo e coñecemento histórico sobre as formas de vida das comunidades protohistóricas no interior galaico, e para a súa revalorización como xacemento arqueolóxico visitable.
Neste senso tamén incluirá a realización de accións de difusión da actuación, de feito está prevista a visita ao lugar nos vindeiros días da comunidade educativa dos diversos centros escolares de Arzúa para que coñezan in situ as actuacións realizadas e os valores propios do sitio.
Comments