Afirman que a privatización “só traerá precariedade na calidade asistencial e dos traballadores, así como un incremento dos custes que alcanzarán o 20%”
Os socialistas de Monterroso avanzaron este xoves que apoian as reivindicacións das traballadores do Servicio de Axuda ao Fogar (SAF) en contra da decisión do goberno municipal da externalización deste servizo, tras entregar no Concello preto de 2.000 firmas que rexeitan esta proposta privatizadora.
Rafael García remarca “que dende o grupo socialista sempre defendemos un SAF público, que sexa xestionado de xeito directo a través dos servicios municipais, xa que estamos diante dun servizo moi sensible e esencial, e onde se trata directamente con persoas vulnerables, que ademais na maioría dos casos están recoñecidos pola lei de dependencia”, argumenta. "As usuarias e usuarios do SAF requiren unha calidade asistencial de primeiro nivel, por iso insistimos, en que o trato directo cos mesmos debe ser a través do Concello, para xerar unha interlocucción fluída entre os usuarios e os responsables do servizo, e prestar así unha boa calidade asistencial entre as veciñas e veciños da vila”, engade o voceiro.
García alude ademais ao “enorme rexeitamento suscitado no Concello, tras entregar preto de 2.000 firmas no rexistro municipal, nas que amosan a súa disconformidade coa privatización deste servizo iniciado polo goberno municipal presidido por Rocío Seijas”. Neste punto advertiu ademais “do rexeitamento de tódolos grupos da oposición con representación no goberno de Monterroso ante semellante tropelía”, replica.
Por iso anuncia que “no vindeiro pleno ordinario tódolos grupos defenderemos unha iniciativa conxunta coa que amosaremos o noso total rexeitamento a este proceso privatizador do goberno de Seijas”. Así as cousas o voceiro socialista replica que “esta actuación evidencia a falla de xestión absoluta por parte do goberno municipal para tramitar este servicio tan esencial e imprescindible no noso Concello”.
Incremento do 20%
García afirma que a privatización do SAF “só traerá precariedade na calidade asistencial deste servizo, ademais da precariedade aos traballadores, así como un incremento económico dos custes que alcanzarán un incremento do 20%”, resume.
Comments